O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou esta mañá a aposta da Consellería de Infraestruturas pola reforma deste entorno da PO-404 co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nun tramo con escasa visibilidade
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Tui para anunciar a licitación, por parte da Consellería de Infraestruturas, da nova glorieta de Guillarei na PO-404 que dará servizo aos veciños esta parroquia así como a Edar situada nesta área.
O delegado territorial trasladou esta información ao alcalde da localidade, Carlos Padín, acompañado do xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, Jose Luis Díez, o xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez, e o presidente da asociación de veciños de Guillarei, Manuel Méndez.
Tal e como explicou o delegado territorial, destinaranse case 316.400 euros para a construción dunha rotonda nunha zona moi demandada polos veciños e que, ademais, dará acceso á Estación Depuradora de Augas Residuais desta parroquia de Tui. A área de actuación conta na actualidade cunha intersección en T co vial de acceso á Edar de Guillarei, sen carrís de espera nin de incorporación, nun tramo con escasa visibilidade. A execución dunha glorieta ten como obxectivo evitar así, xiros á esquerda sen carril central de incorporación, así como reordenar o tráfico, o que mellorará a seguridade viaria.
As obras previstas comprenden a execución dunha glorieta, cun diámetro exterior de 32 metros e unha coroa central de 12, no punto quilométrico 1+900 da estrada PO-404, a continuidade dos itinerarios peonís para mellorar a seguridade viaria de peóns e ciclistas, cun ancho de dous metros e medio, a pavimentación con capa de rodaxe, pavimento adoquinado e formigón no illote interior da glorieta e ampliación da plataforma da estrada, a iluminación da glorieta proxectada, sinalización, balizamento e defensas, e mellora, limpeza e adecuación da drenaxe.
Os viais de acceso á nova glorieta presentarán un ancho mínimo de 4 metros, dando continuidade aos existentes, e ampliaranse na súa conexión coa glorieta. As beiravías serán dun metro de ancho, salvo nas conexións cos existentes. A glorieta adaptará a súa rasante á calzada existente e en planta situouse de tal xeito que non afecte a muros nin a peches de fincas, ampliando a calzada só en fincas rústicas.
O delegado territorial felicitou ao equipo de Goberno de Tui por impulsar esta obra, así como aos veciños, “que levan moito tempo agardando por esta boa nova que agardamos, sexa unha realidade antes de que remate o ano”.
- Te recomendamos -