A Administración autonómica mantén un concerto de 188 prazas coa entidade cun investimento de 1,8 millóns de euros
A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, realizou esta mañá unha visita ao fogar e clínica San Rafael en Vigo, un centro de atención a persoas con discapacidade intelectual e no que se prestan servizos de rehabilitación.
A Xunta de Galicia concerta un 102 prazas na residencia de adultos e outras 86 prazas no centro ocupacional. No 2018, a Administración autonómica achega preto de 1,8 millóns de euros para o financiamento das mesmas.
A titular do departamento autonómico tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os servizos que alí se prestan e que están encamiñados a atender de xeito integral ás persoas con discapacidade intelectual, fomentando o seu desenvolvemento persoal, social e laboral mediante as modalidades de intervención oportunas e ofrecéndolles servizos específicos nas áreas educativa, ocupacional e residencial.
Durante a visita Fabiola García destacou o bo traballo que está a facer esta entidade en prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias. Así mesmo, reiterou o compromiso da Xunta no apoio ás persoas con discapacidade, xa que “non se trata de persoas diferentes, senón de persoas con distintas capacidades que poden achegar moito á sociedade e das que temos moito que aprender”, asegurou. Neste sentido, engadiu, as administracións e a sociedade en xeral debe abordar a discapacidade desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva.
Cómpre destacar o progresivo crecemento do orzamento no eido dos maiores e as persoas con discapacidade, que este 2018 conta con preto de 413 millóns de euros.
- Te recomendamos -