Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia da formación para mellorar o acceso ao...

A Xunta destaca a importancia da formación para mellorar o acceso ao emprego e para o enriquecemento persoal

0

A Administración autonómica destina entre os anos 2016 e 2018 preto de 244.000 euros a financiar os cursos de inserción sociolaboral e outras prestacións que atende a Asociación Xoán XXIII, como o banco de alimentos, o albergue, o roupeiro ou o servizo de asesoramento e orientación


O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, enxalzou hoxe o labor en prol da integración sociolaboral e das persoas e familias con menos recursos que realiza a Asociación Xoán XXIII, coincidindo co acto de entrega de diplomas ao alumnado dos cursos realizados por esta entidade no seu centro cultural e social co financiamento da Administración autonómica. Ademais, o director xeral tamén aproveitou a xornada para coñecer de primeira man as instalacións da asociación, en especial o banco de alimentos, as aulas de formación e a zona de albergue; así como para manter unha reunión de traballo coa xunta directiva de Xoán XXIII para abordar as actividades e programas que leva a cabo esta entidade.

Arturo Parrado felicitou ás persoas que completaron con éxito as accións formativas en operacións básicas de cociña, maquetación, xardinería e poda, asistencia no fogar e xestión de pisos e limpeza en aloxamentos. Nesta liña, apuntou que “a adquisición de novos coñecementos e habilidades é fundamental tanto para aumentar as posibilidades de emprego como tamén para o enriquecemento persoal”.

Ademais, o responsable das políticas de inclusión do Goberno galego puxo en valor a actividade que desde hai anos realiza a Asociación Xoán XXIII ao carón das persoas en situación ou risco de vulnerabilidade social, cualificándoa como un axente social de primeiro orde para atallar as desigualdades. Ao respecto, garantiu que a Xunta seguirá apoiando este traballo, como se pon de manifesto nas achegas concedidas con cargo ás dúas últimas ordes de axudas correspondentes aos bienios 2016-2017 e 2017-2018, e que suman un montante total de case 244.000 euros. Unha cantidade que se destinou á realización de cursos de formación para o emprego, así como a sufragar o custo doutas prestacións que fai entidade, como refuxio, banco de alimentos, roupeiro ou servizo de primeira atención e prevención, orientación e asesoramento.

Por outra banda, Arturo Parrado asegurou que a Xunta continuará levando adiante un traballo coordinado coas entidades sociais para mellorar a situación dos fogares e persoas que máis necesitan de apoio. Neste sentido, destacou que o Executivo autonómico volve aumentar en 2018 os recursos económicos que destina para diminuír a exclusión e a desigualdade ao reservar para políticas de inclusión social 115,2 millóns de euros, o que supón un 8% máis que o ano pasado.


- Te recomendamos -