A directora xeral de Patrimonio Natural mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Ribadeo, que lle trasladou a súa conformidade con este encontro para garantir a seguridade dentro do dominio público marítimo terrestre
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio solicitará de xeito inmediato ao Goberno central unha reunión para definir as instrucións referentes ao peche das furnas, arcos e corredores das Catedrais por parte do departamento de Costas. Así llo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Día, ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e ao xefe do servizo provincial de Costas do Estado, José Miguel Esteban Dols, cos que mantivo unha reunión, para informarlles dos pasos a seguir desde a Administración galega.
Ana María Díaz defendeu que é necesario abordar esta cuestión coa totalidade das administracións presentes neste espazo, co fin de establecer as medidas provisionais oportunas, que garantan a seguridade dos visitantes. Agradeceu o ofrecemento do alcalde de Ribadeo a participar neste futuro encontro, para analizar as competencias e responsabilidades de cada organismo, en aras de coordinar as medidas e as ferramenta que compatibilicen as visitas e a conservación.
A directora xeral de Patrimonio Natural explicou ao alcalde de Ribadeo que o Goberno galego conta cun informe xurídico no que se sinalar que as Catedrais están localizadas en Dominio Público Marítimo Terrestre, polo que é o Estado, a través da Dirección Xeral de Costas, a administración competente; polo tanto a que pode determinar o peche ao público das covas, as furnas, os arcos e os corredores en túnel de As Catedrais.
Así se desprende do Informe Xurídico da Xunta que recolle que “correspóndello á Administracións Xeral do Estado a competencia para adoptar as medidas de policía preventiva para garantir a seguridade dos usuarios no Dominio Público Marítimo Terrestre do Monumento Natural da Praia das Catedrais e subsidiariamente ao Concello de Ribadeo”.
Recordou que a Lei de Costas atribúelle á Administración estatal a protección do dominio público marítimo-terrestre a fin de asegurar tanto o mantemento da súa integridade como a seguridade das persoas (o seu uso público e os seus valores paisaxísticos), polo que tamén lle compete a adopción de calquera medida por motivos de seguridade das persoas nun espazo con esta cualificación.
Non obstante, a directora xeral de Patrimonio Natural tamén brindou a colaboración da Xunta de Galicia naquelas medidas e decisións que se plantexen, para evitar incidentes á vista de ao longo dunha parte importante da praia existe un risco, aínda non cuantificado, de caídas e desprendementos de bloques ou pedras de distintos tamaños, o que suporía un grave risco para a seguridade das persoas que estean nas proximidades. Este perigo de caída de material é maior en xeral baixo as furnas, as covas, os corredores e os arcos litorais, zonas que coinciden tamén coas de maior afluencia de visitantes; tal e como se recolle no estudo xeolóxico-xeotécnico encargado á Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia, pola Xunta de Galicia.
- Te recomendamos -