A de Viveiro é unha das oficinas de información xuvenil espalladas pola xeografía galega nas que se desenvolven actividades de interese para a xuventude, tales como accións formativas, culturais ou deportivas entre outras
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, desprazouse hoxe ata as instalacións do Espazo Xove de Viveiro, centro dependente do departamento autonómico e integrante da Rede galega de información xuvenil, que está composta por 13 centros e polas Oficinas municipais de información xuvenil.
A de Viveiro é unha das oficinas de información xuvenil espalladas pola xeografía galega nas que se desenvolven actividades de interese para a xuventude, tales como accións formativas, culturais, deportivas, creativas e artísticas, de lecer e no eido do tempo libre e voluntariado. Colaboran coas asociacións xuvenís, centros educativos e entidades da respectiva zona xeográfica no asesoramento, posta en marcha e realización de actividades dirixidas aos mozos e mozas. Contan con espazos expositivos, de ocio e espazos con equipamento informático a disposición dos usuarios. Así mesmo son centros expedidores dos carnés para a mocidade: Carné Xove, carné de alberguista, carné de estudante internacional (ISIC), carné de profesor internacional (ITIC) e carné internacional para non estudantes (IYTC).
Por outra banda, este espazo xove tamén é un Espazo Emprende onde os mozos e mozas poderán impulsar os seus proxectos de emprendemento a través do coworking. Nestas instalacións, os usuarios disporán tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas. Este espazo emprende enmárcanse no proxecto LIDERA, Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP).
En total, Galicia conta con outros 12 Espazos Xove en Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Lalín, Tui, Vilagarcía, Chantada, Vilalba, Viveiro e Ourense; e co Centro Coordinador de Información Xuvenil (Santiago)Albergue xuvenil de AreaAsí mesmo, Cecilia Vázquez desprazouse ata o albergue xuvenil de Area sito nesta localidade lucense para coñecer o estado das obras de reparación que o departamento autonómico está a realizar nesta instalación. Cun investimento de 45.801,64 euros estase executando unha reparación menor que afecta principalmente a fontanería, carpintería, tellado e revisión da instalación eléctrica.
A titular autonómica sinalou que na oferta total de prazas na Campaña de Verán da Xunta de Galicia do 2018, este albergue xuvenil oferta 520 prazas: 400 para campamentos destinado a menores de 18 anos e 120 en oferta concertada. A través da programación para os campamentos, os mozos e mozas de entre 9 e 17 anos durante os meses de xullo e agosto teñen a posibilidade de empregar o seu tempo libre durante as súas vacacións participando en actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo. Por outra banda, a través da oferta concertada ofrécese o uso deste albergue xuvenil ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, ás corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa mocidade. Tamén poderán formar parte desta oferta concertada os grupos de mozos e mozas non asociados que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro.
Campaña de Verán 2018A Campaña de verán 2018, baixo o título de Vive a túa aventura oferta un total de 9870 prazas en campamentos, campos de traballo e outras accións de verán que terán lugar nos vindeiros meses estivais en albergues e instalacións xuvenís de toda a xeografía galega. Trátase dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo a disposición da mocidade galega e das súas familias.
Entre as súas principais novidades a Campaña de Verán 2018 presenta o incremento, unha edición máis, do número de prazas ofertadas, que ascende a 9870, 298 máis que na programación do exercicio anterior; así como un maior investimento ata chegar aos 3,2 millóns de euros, o que supón un aumento do 8%. Outras melloras son a incorporación de dúas novas instalacións ás ofertadas en 2017 e a posta en marcha de dúas novas iniciativas para o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.
O programa da Campaña de Verán 2018 inclúe os campamentos para nenos, nenas e adolescentes; campamentos noutras comunidades autónomas; as actividades para maiores de 18 anos; a oferta concertada; os campos de traballo e as accións para mozos e mozas descendestes de galegos residentes no exterior.
- Te recomendamos -