O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe co Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza co Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, co obxectivo de analizar o Plan de recuperación de traballo na Administración de Xustiza. Ao encontro tamén asistiron os catro fiscais xefes provinciais, así como os de área de Vigo e Ferrol.
Esta reunión inscríbese na rolda de contactos que está a manter o Goberno galego co obxectivo de avaliar con todos os axentes implicados a posta en marcha deste Plan. Así, por exemplo, a semana pasada reuniuse co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e o Consello Xeral do Poder Xudicial; e, co mesmo obxectivo, tamén se mantivo unha reunión co anterior ministro de Xustiza.
O pasado venres comezou a primeira fase deste Plan, con reforzos nos servizos de rexistro de escritos nos decanatos, servizos comúns de notificacións e embargos, e Imelga. En setembro, tras o período vacacional e xa coas estatísticas do primeiro semestre, comezará a aplicarse a práctica totalidade do Plan. Ata agora, rexistráronse preto de 1.600 solicitudes de persoal interesado en participar nesta iniciativa.
Cómpre recordar, ademais, que os detalles de como abordar a recuperación de traballo tamén se están a avaliar no seo da comisión constituída cos sindicatos para facer seguimento do acordo que puxo fin á folga.
- Te recomendamos -