A escola recibiu por primeira vez máis de 53.000 euros por parte do goberno autonómico para o seu mantemento
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, realizou unha visita á escola infantil Cativos en Santiago, un centro de iniciativa social subvencionado pola Administración autonómica que presta atención a 41 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.
González destacou o importante papel que desenvolven as escolas de iniciativa social (EPIS) no fomento da conciliación da vida laboral e familiar, nas que se presta un servizo de calidade e coas mesmas taxas en atención educativa que os centros da rede galega de escolas infantís da Galiña Azul.
A titular do departamento autonómico lembrou que desde a creación da Consellería de Política Social, o apoio económico ás EPIS aumentou nun 13%, pasando dos algo máis de 3 millóns de euros en 2015 aos 3,4 no presente ano. Esta medida permitiu conceder este curso achegas a 48 centros e sustentar con fondos públicos 2700 prazas en toda a xeografía galega. Neste sentido, no caso da escola Cativos, este é o primeiro ano que recibe axudas para o mantemento do servizo que presta, e que ascenden a 53.420,74 euros.
Así mesmo, a directora xeral fixo referencia ás actuacións de mellora destes centros de iniciativa social subvencionadas polo Executivo autonómico a través dunha liña de axudas dotada dun crédito de 600.000 euros procedente en parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Estas axudas son unha mostra máis do compromiso da Xunta coa calidade da atención educativa na primeira etapa da aprendizaxe, así como coa vontade de que as familias galegas dispoñan dos mellores recursos de conciliación para os seus fillos e fillas.
A Xunta tamén dirixe achegas económicas para obras de adecuación e mellora de escolas infantís e puntos de atención á infancia que dependen dos concellos cun investimento de algo máis de 1,3 millóns de euros, tamén procedente en parte de fondos Feder.
Bono ConciliaA Xunta porá en marcha unha nova convocatoria do programa Bono Concilia para o curso 2018-2019, que está dirixido a aquelas familias que residan nun concello onde non existen centros sostidos con fondos públicos, así como a aquelas que non obtiveran praza nas escolas infantís de 0 a 3 anos da rede autonómica ou dependentes dos concellos. Desta maneira, os pais e nais cuxos fillos ou fillas quedaran en lista de agarda nestes centros contarán cunha subvención para sufragar o custo da escola infantil que consideren oportuno. Ademais, esta edición contempla como novidade a prioridade no acceso das mulleres vítimas da violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís de 0 a 3 anos que reciban achegas públicas e o seu dereito a cursar a petición fóra de prazo ordinario.
Así, esta nova convocatoria contará cun crédito inicial de 3.489.200 euros, que se incrementará se é preciso para atender a todas as solicitudes ao igual que aconteceu no presente curso, no que, partindo desta mesma cantidade, finalmente se ampliou ata superar os 4,2 millóns de euros. A contía da axuda que se percibirá por cada praza de xornada completa oscila entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros para as rendas máis baixas, con comedor incluído. A media xornada oscila entre os 22,50 e os 125 euros. A achega abonarase mensualmente de xeito directo ás familias e para ser beneficiarias, as persoas solicitantes deben ter unha nena ou neno nado con posterioridade ao 31 de decembro de 2015. A previsión é que a convocatoria se recolla no Diario Oficial de Galicia (DOG) entre finais do presente mes de xuño e principios de xullo, sendo o prazo de presentación de solicitudes dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación oficial.
- Te recomendamos -