Inicio Galicia As catas oficiais de viños, augardentes e licores de Galicia 2018 comezan...

As catas oficiais de viños, augardentes e licores de Galicia 2018 comezan mañá coa avalización de preto de 400 mostras

0

O certame terá lugar do 18 e 21 de xuño no Centro Integrado de Formación Profesional Lamas de Abade, en Santiago

Este luns arrinca unha nova edición das Catas Oficial de Viños, Augardentes e Licores de Galicia con 392 mostras participantes. O certame, organizado pola Consellería do Medio Rural en colaboración cos consellos reguladores, terá lugar entre o 18 e 21 de xuño no Centro Integrado de Formación Profesional Lamas de Abade, en Santiago.

A través deste concurso, de recoñecido prestixio nacional, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez pretende dar a coñecer os viños que cada ano alcanzan maior nivel de calidade e que representan o mellor da nosa viticultura e da industria de elaboración de viños e bebidas espirituosas. Ademais, a realización deste tipo de certames tamén ten efectos positivos nas condicións de produción e elaboración polo interese dos participantes en acadar un recoñecemento público.

En total participan 350 viños de 169 adegas pertencentes ás D.

O. Valdeorras (16 adegas), Ribeiro (42), Rías Baixas (54), Monterrei (16), Ribeira Sacra (31), I.

X.

P. “Viños da Terra” (6) e adegas inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) (4). Por outra banda, participan 42 mostras de 18 empresas inscritas no Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

O panel de catas estará formado por 18 persoas para a análise dos viños e sete para a dos augardentes e licores, todos eles expertos en análise sensorial que deberán avaliar os caldos na súa fase visual, olfativa, gustativa e apreciación global. Na elección do panel de cata estará representado todo o sector, tanto produtor como o resto de elos da cadea de comercialización. Así, entre os membros estarán expertos do panel de cata dos diferentes consellos reguladores, así como representantes das asociacións de enólogos e sumilleres, da distribución e do eido da comunicación.

Resumo do procesoO persoal da Consellería do Medio Rural, xunto cun representante de cada Consello Regulador, visitaron cada adega e industria participante para a recollida das mostras. Alí, escolléronse seis botellas ao azar do lote concursante que foron asinadas polo persoal da consellería e polo representante da adega, quedando alí unha botella coma testemuña e as outras cinco introducíronse nuns sacos totalmente opacos. Seguidamente, eses sacos pecháronse e pasáronse a unhas caixas de cartón, todas iguais, onde se precintou para non poder ser manipuladas, colocando fóra unha única etiqueta co nome da categoría na que participa esa mostra e se é branco ou tinto. Unha vez pechada esta caixa xa é imposible saber a marca de viño concursante ata a última fase do certame, onde se descobre a botella do viño con maior puntuación.

CategoríasNeste concurso existen varias categorías, algunhas froito das demandas do propio sector para recoñecer aos caldos máis elaborados e dar visibilidade ás pequenas producións. Así, elíxense os mellores branco e tinto de Galicia e os acios de ouro, prata e bronce en cada unha das cinco denominacións de orixe de viño (Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras, Ribeiro e Ribeira Sacra). Tamén hai unha para os viños de colleitas anteriores, de madeira, escumosos e ecolóxicos. No caso das bebidas espirituosas, está a elección dos potes de ouro, prata e bronce das augardentes, licor café e licor de herbas.

A entrega de premios realizarase na gala que organiza anualmente a Consellería do Medio Rural e que serve para reforzar a promoción dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia en xeral e, de maneira especial, dos que reciben estes galardóns nas diferentes categorías.


- Te recomendamos -