O conselleiro asinou un convenio coa Comisión Fulbright para dotar aos IES galegos deste apoio
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez e Stewart Tuttle, copresidente estadounidense da Comisión Fulbright de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América, veñen de asinar dous convenio de colaboración, un deles en materia de plurilingüismo e outro en beneficio dos posdoutorandos do Sistema Universitario de Galicia. Ao acto asistiron tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; e o director executivo da Comisión, Alberto López San Miguel.
Ao abeiro do primeiro dos acordos, o sistema educativo galego contará o vindeiro curso con 30 auxiliares de alto perfil académico seleccionados pola Comisión Fulbright, o que supón un 25% máis ca no presente curso. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a presenza de persoas nativas de fala inglesa cun alto perfil académica nos centros plurilingües galegos, contribuíndo ao fomento das vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Informática), así como á competitividade futura do alumnado nestes eidos, nos que o dominio da lingua inglesa é fundamental.
Estes nativos sumaranse aos aprobados no pasado Consello da Xunta, así como aos que se incorporarán ao sistema educativo galego, ben financiados pola Consellería, ben a través da colaboración interinstitucional co propio Ministerio, co Instituto Confucio, co Instituto Camões e coa Académie de Amiens; ata sumar un total de 617 auxiliares de conversa prestando apoio ao alumnado galego no vindeiro curso 2018/19.
Esta medida enmárcase na Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa.
Posdoutorais FulbrightO segundo convenio asinado suporá a posta en marcha do programa de axudas Xunta de Galicia-Fulbright. Deste xeito posibilítase que, por primeira vez, ata 10 contratados posdoutorais galegos podan acceder aos servizos complementarios da prestixiosa entidade. A selección dos investigadores beneficiarios levarase a cabo mediante a convocatoria pública, para o ano 2018, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
En concreto esta acción permitirá que 10 contratados da convocatoria de posdoutorais da Xunta de Galicia do ano 2018 na súa modalidade A e que realicen a estadía no Estados Unidos de América podan ter esta opción. Ao abeiro deste acordo financiaranse os servizos complementarios destinados ás persoas beneficiarias das estancias Fulbright que prestará a Comisión, tales como xestión e apoio de visados; apoio, xestión e asesoría durante a estancia nos Estados Unidos; participación dos beneficiarios en seminarios, actividades científicas e culturais que se organicen en nome e polo Programa Fulbright; seguro médico con cobertura de enfermidade e accidentes; así como formar parte da rede de antigos alumnos Fulbright do U.
S. Departament of State.
O Programa Fulbright é un programa de axudas académicas de referencia mundial que ten como finalidade promover e fomentar intercambios culturais, educativos e científicos entre universidades, centros de investigación ou outras institucións educativas dos Estados Unidos de América. Está presente en 160 países baixo os principios de globalidade e excelencia académica dos seus participantes.
- Te recomendamos -