Nava Castro valorou o traballo deste concello ourensán por saber aproveitar e conservar o valor histórico e artístico dos seus recursos cun correcto enfoque turístico
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participaron hoxe no acto de recoñecemento de Castro Caldelas como unha das vilas máis bonitas de España, unha distinción que outorga a Asociación de Pueblos Bonitos de España e que en Galicia ostenta tamén o concello de Mondoñedo, na Mariña lucense.
Durante o acto, Nava Castro agradeceu o traballo deste municipio ourensán por saber conservar e aproveitar cun correcto enfoque turístico o valor cultural e artístico dos seus recursos, especialmente do seu casco histórico. “Castro Caldelas gusta e gusta cada vez máis, grazas á súa aposta por impulsar esa calidade que nos define como destino. É un dos mellores expoñentes do turismo tranquilo do que gozar sen présas”, indicou.
A directora de Turismo amosou, ademais, o seu apoio no compromiso por manter e mellorar a beleza do seu patrimonio, das súas tradicións e da súa contorna natural. “Ese é un dos nosos principais obxectivos”, engadiu, referíndose ás liñas e subvencións dirixidas a entidades locais e xeodestinos galegos que convoca anualmente Turismo de Galicia para actuacións neste eido, ou mesmo a iniciativas como os Premios Galicia Parabéns que recoñecen o labor de embelecemento, limpeza e mantemento por parte dos concellos.
Deste xeito contribúese á tarefa colectiva de facer de Galicia un destino máis competitivo e de maior calidade, un dos obxectivos da Estratexia de turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego coa que se traballa tamén para impulsar a contribución que o turismo está a ter para a recuperación do patrimonio histórico e cultural da Comunidade.
Auxe do turismo culturalTamén se traballa para artellar produtos que poñan o énfase no patrimonio material e inmaterial de cidades e vilas, algo que favorece o aumento da estadía media e crea sinerxías con outros sectores das economías do ámbito rural. Ademais, neste Ano Europeo do Patrimonio Cultural iniciativas como estas contribúen a atraer máis viaxeiros interesados no turismo cultural, un dos segmentos que máis potencial de crecemento terá nos vindeiros anos, como así se prevé na Estratexia 2020.
- Te recomendamos -