Inicio Galicia A Xunta presentará o proxecto de comarcalización dos parques de bombeiros aos...

A Xunta presentará o proxecto de comarcalización dos parques de bombeiros aos concellos de Pontevedra e Vigo

0

O Goberno autonómico respalda a proposta da Fegamp para desbloquear o plan, que si se está desenvolvendo nas provincias da Coruña, Ourense e Lugo


A Xunta de Galicia presentará o proxecto de comarcalización dos parques de bombeiros directamente aos concellos de Pontevedra e Vigo. Farao deste xeito para tratar de desbloquear a parálise que presenta o plan de mellora da atención as emerxencias na provincia de Pontevedra, onde, a diferencia de na Coruña, Ourense e Lugo, non se puido chegar a ningún acordo coa Deputación.

A proposta partiu do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García. Así o anunciou o director xeral de Emerxencias, Luis Menor, trala reunión do Grupo de Traballo polas Emerxencias celebrada en Santiago. Ademais de Menor e García. ao encontro acudiron tamén a directora xeral de Administración local, Marta Fernández-Tapias, e representantes das catro deputacións provinciais.

O director xeral confiou en que deste xeito a Deputación de Pontevedra abandone a súa oposición e os concellos máis achegados ás dúas cidades se poidan beneficiar da comarcalización e dunha atención máis eficaz e rápida. Esta vía foi respaldada desde o principio polo Grupo de Traballo polas Emerxencias, no que están integrados tódalas administracións implicadas, gobernadas por forzas políticas de distinto signo. Este consenso permitiu pactos, no que vai de ano, cos concellos de Santiago de Compostela, Ourense e Ferrol.

Unha vez mantidas as reunións con Pontevedra e Vigo, abordarase o proxecto coa Deputación de Pontevedra. Cómpre lembrar que as institucións provinciais son as competentes en materia de emerxencias para concellos de menos de 20.000 habitantes e a súa participación económica é imprescindible para desenvolver as comarcalizacións.

A comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta de Galicia e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias, permitirán que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación.


- Te recomendamos -