A localidade conta cun punto de atención á infancia municipal para o que a Administración autonómica achega máis de 9000 euros ao ano
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continúa a manter encontros periódicos cos rexedores e rexedoras de Galicia para avanzar, desde o consenso e a colaboración, nas liñas de actuación en materia social encamiñadas a atender ás persoas e familias máis vulnerables e que máis precisan da axuda das administracións públicas. Na xornada de hoxe, Rey Varela entrevistouse no seu despacho de San Caetano coa alcaldesa de Lousame, María Teresa Villaverde Pais, con quen abordou asuntos de índole social que afectan a esta localidade coruñesa, entre outros a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Neste sentido, o responsable da área social do Goberno galego lembrou que a Xunta de Galicia incrementou entre 2015 e 2017 as horas de SAF no concello nun 94,36%, o que se traduce en 9036 horas anuais máis. Deste xeito, os veciños e veciñas da localidade, teñen á súa disposición un total de 18.612 horas de servizo. Rey Varela destacou que o obxectivo é conseguir todas as melloras posibles na calidade de vida das familias e das persoas dependentes.
No ámbito de atención aos máis pequenos e da conciliación, Lousame conta cun punto de atención á infancia municipal de cero a tres anos que oferta 20 prazas e para a que a Xunta achega 9.211 euros ao ano. Ademais, no ano 2017 recibiu axudas para investimento por un importe de 26.118 euros. Este importe destinouse a obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas que melloren a accesibilidade ou doten ao edificio de servizos necesarios; á adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de materia didáctico e de xogo; e á dotación de conexión a internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.
Ambos mandatarios abordaron outras cuestións de interese para optimizar e dinamizar os recursos dos que dispoñen as administracións coa finalidade de acadar todas as melloras posibles na calidade de vida dos galegos e galegas e establecer unha política social que se adapte ás necesidades de cada concello.
- Te recomendamos -