Inicio Galicia A Xunta destaca a importancia da formación continua dentro e fóra das...

A Xunta destaca a importancia da formación continua dentro e fóra das aulas para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade

0

A responsable autonómica de Xuventude indicou que Galicia dá prioridade á educación non formal e ao fomento das experiencias profesionais nas iniciativas e programas dirixidas aos mozos e mozas

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, asistiu hoxe á xornada final do XX Congreso da Confederación Española de la Abogacía Joven (CEAJ), que desde o pasado xoves ten lugar nas instalacións do Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña baixo o título ‘Encontros interxeracionais. Os piares da avogacía’. Este encontro, de carácter bianual, contou coa visión da profesión tanto dos avogados máis novos como dos sénior, así como cun amplo programa no que se abordaron temas como o dereito de familia e de infancia, dereitos humanos e refuxiados ou as redes sociais, entre outros.

Cecilia Vázquez comezou a súa intervención salientando a importancia deste simposio para que os novos avogados compartan experiencias e inquedanzas, e tamén para poñer en común e actualizar coñecementos. Nesta liña, referiuse á importancia da formación continua tanto dentro como fora das aulas para o desenvolvemento tanto profesional como persoal.

Ademais, a directora xeral explicou que a Xunta de Galicia leva anos dando prioridade nas actividades e programas dirixidos á mocidade a educación non formal, co obxecto de “mellorar as competencias e capacidades da xente nova e como complemento na súa traxectoria persoal e formativa”.

Así mesmo, fixou como outro dos focos prioritarios en materia de xuventude o fomento de experiencias profesionais e persoais tanto na propia Comunidade Autónoma como noutros países, xa que “é un elemento positivo que contribúe á mellora en competencias e habilidades, incrementando as posibilidades de inserción laboral e dotando de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial do país de orixe”. Neste ámbito de actuación puxo en valor a alta participación de Galicia en programas como Erasmus+, así como da iniciativa de mobilidade transnacional xuvenil da Xunta denominado Galeuropa. Por último, Cecilia Vázquez avogou pola implicación da mocidade nas políticas que lle afectan mediante un diálogo estruturado e continuo entre responsables políticos, os mozos e mozas e as organizacións xuvenís, co obxectivo de artellar unha política de xuventude “máis eficaz, coordinada e consensuada, que define recursos e medidas efectivas e modernas para favorecer a creación de oportunidades para toda a xente nova”.


- Te recomendamos -