O conselleiro de Educación pon en valor a colaboración entre as universidades de Coruña e Santiago para ofertar este título, o primeiro interuniversitario do SUG
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, participaron esta mañá no acto de presentación do grao interuniversitario en Paisaxe, que se ofertará por primeira vez o próximo curso 2018/19 entre as universidades de Santiago e Coruña. En concreto, os dous primeiros anos impartiranse na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e os dous últimos na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, que é a unidade académica responsable do título. A oferta de matriculación ascende a 50 prazas. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou que se trata do primeiro grao interuniversitario posto en marcha no Sistema Universitario de Galicia (SUG) e que, ademais, é o primeiro grao especializado en paisaxe do sistema público español. “Falamos de que este título será referencia en toda España”, remarcou Román Rodríguez, quen lembrou a futura creación do Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (CEIPAC), que redundará nesta singularidade. Este centro será o primeiro do SUG centrado unicamente nas humanidades e nas ciencias sociais, con especial atención ao Camiño de Santiago, e tamén será o primeiro e único centro científico de España orientado a estudos sobre a paisaxe, os itinerarios culturais e o patrimonio.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio salientou que este novo grao permitirá adquirir as competencias e desenvolver as habilidades necesarias para a intervención na paisaxe. Neste sentido, engadiu que ademais cubre unha carencia que existe no Sistema Universitario Español en relación coa resto de Europa, pois existen graos oficiais de estudos de paisaxismo na práctica totalidade de países europeos.Éxito da colaboración universitariaRomán Rodríguez definiu este grao como unha mostra do éxito que colleita a colaboración entre universidades, así como un exemplo da necesidade de vincular os novos títulos coa estratexia de especialización dos campus, conectada ao mesmo tempo co propio territorio.“Hoxe presentamos o primeiro grao interuniversitario do SUG, pero non queremos que sexa o único. Por iso, un dos retos do Plan de excelencia é impulsar este modelo de títulos; títulos que aproveitan as potencialidades de cada universidade e de cada facultade, que favorecen a mobilidade do alumnado dentro do sistema e que achegan valor engadido ao panorama universitario nacional e internacional”, explicou.
Profesionais cualificados cunha formación multidisciplinarNo horizonte de catro anos, en 2022, un total de 50 alumnos formarán a primeira promoción de graduados en paisaxe, que lle aportará un perfil profesional único e amplamente demandado polas directrices europeas, españolas e galegas dos recursos naturais. Nese sentido, Beatriz Mato explicou que o marco xurídico actual fai imprescindible a habilitación de profesionais altamente cualificados cunha formación multidisciplinar, coñecida en toda Europa como arquitectura da paisaxe; xa que o desenvolvemento da actividade industrial e o seu impacto requiren, por exemplo, a achega de especialistas en determinar as condicións de presenza e impacto sobre o medio físico e natural.
Tras salientar que a Xunta leva traballando no deseño de ferramentas a prol da conservación e protección da paisaxe, así como da súa gobernanza, a conselleira recordou que os esforzos están a centrarse na promoción do primeiros pactos pola paisaxe, na posta en marcha do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia, na elaboración do Plan de seguimento dos obxectivos de calidade paisaxística e na constitución das Mesas da Paisaxe.
Finalmente, argumentou que esta batería de actuacións son imprescindibles pola incidencia que teñen sobre as diferentes accións sectoriais do Goberno galego para mellorar a paisaxe urbana, como a Lei de rehabilitación e renovación urbana, as axudas para rehabilitación, ou o Plan de sendas de Galicia; ou da mellora da paisaxe natural, a través dos plans reitores de uso e xestión dos parques naturais e do Parque Nacional. En definitiva, e tal e como recordou, o Goberno galego leva oito anos creando un novo modelo de urbanismo, de ordenación do territorio e de protección da paisaxe.
Ademais dos dous conselleiros, no acto de presentación do grao tamén participaron o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; así como as coordinadoras do título e os directores das escolas onde se impartirá.
- Te recomendamos -