A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático presidiu esta mañá a reunión deste grupo de traballo no que participan as tres universidades galegas
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de constituír o Comité Científico-Asesor que marcará a folla de ruta para abordar o tratamento do lindano en Galicia.
Trátase dun dos tres comités, xunto co institucional e social, que abordarán o estudo e diagnose sobre o estado actual da presencia desta substancia en terreos da Comunidade galega, co obxectivo de avaliar as posibles e máis axeitadas liñas de actuación.
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental vén de impulsar a constitución deste Comité Científico, que está integrado por 17 expertos con formación multidiscliplinar, bioloxía, química, xeoloxía e enxeñaría de camiños pertencentes ás tres universidades galegas, con recoñecida valía e contrastada experiencia na materia, co fin de que contribúan dende unha perspectiva multidisciplinar a orientar a adopción de solucións que máis se axusten á realidade identificada.
Así, por parte da Universidade da Coruña participarán Soledad Muniategui Lorenzo, Purificación López Mahía, Francisco Javier Sanz Larruga, Francisco Javier Samper Calvete; mentres que por parte da Universidade de Santiago de Compostela, está confirmada a participación de Juan Lema Rodicio, Manuel Marey Pérez, Rafael Cela Torrijos, Alejo Ocaña Carballeira, Pilar Bermejo Barrera, Jesús Simal Gándara, Mª Carmen Monterroso Martínez, Pastora Bello Bugallo, e Rosa Mª Calvo de Anta. Asemade, pola Universidade de Vigo participarán os profesores Ángeles Sanromán Brava, Jesús Simal Gándara, Natalia Caparrini Marín, José Jorge Domínguez Martín.
Este comité será o encargado de asesorar e guiar a toma de decisións que a importancia da materia require, dentro do Plan de estratéxico de loita integral contra a contaminación dos residuos xerados pola fabricación de lindano na Comunidade Autónoma de Galicia, que se está a elaborar. A directora xeral indicou que as achegas deste comité ofrecerán o máximo rigor á hora de tomar decisións para a implantación de técnicas para a remediación dos solos ou para activar determinadas liñas de actuación, baseadas no rigor científico que aportan os expertos a un tema moi concreto.
Nesta primeira reunión tivo lugar a presentación do Comité Científico, abordouse a situación actual, as accións levadas a cabo dende a Xunta de Galicia e estableceuse un plan de traballo con reunións periódicas da Xunta de Galicia.
Life ‘OffLindane’A directora xeral de Calidade Ambiental recordou no transcurso deste primeiro encontro que a Consellería de Medio Ambiente vén de presentar á súa candidatura á convocatoria de axudas europeas LIFE cun proxecto para mapear e tratar os solos periurbanos contaminados por residuos de lindano.
OffLindane é unha iniciativa está liderada pola Xunta, que asume o papel de coordinadora, e tamén conta coa participación e apoio da Universidade de Santiago (USC), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que -no caso de que se conceda dita axuda- comprometen para levar adiante o proxecto recursos propios.
O obxectivo é proceder á fitorremediación dos solos afectados por lindano como medio para minimizar a medio prazo a presencia deste residuo tanto na terra como no medio hídrico, co fin de mellorar a calidade deses solos contaminados.
A través da execución do proxecto, procederase tamén a realizar un mapeo exhaustivo da localización de residuos de lindano naqueles puntos nos que se ten localizado a presenza desta substancia. Tras esta mostraxe, ensaiaranse solucións de fitorremediación en solos nos que se detectara a presencia desta substancia co fin de buscar a súa restauración ecolóxica, de forma que se evite o selado dos mesmos e se garanta a súa sustentabilidade funcional.
- Te recomendamos -