Inicio Galicia A Xunta comeza as obras de construción do centro de saúde do...

A Xunta comeza as obras de construción do centro de saúde do Milladoiro que teñen un presuposto de 2,3 millóns de euros

0

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, supervisou o inicio das obras onde se ubicará este novo centro de saúde da rede sanitaria pública galega

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, supervisou hoxe o inicio das obras de construción do futuro centro de saúde do Milladoiro, que, recentemente, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de adxudicar, por un valor total de 2.371.847 euros, á empresa Construcións Ramírez, S.

L.

U. Os traballos teñen un prazo de execución de 17 meses. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego dixo que esta nova infraestrutura “será un dos centros máis modernos de Galicia”. “O Concello de Ames o merece por crecemento, por poboación e porque tiña un edificio antiguo. A finais de 2019 estará xa en funcionamento”, remarcou Almuiña.

O futuro centro de saúde disporá dunha superficie construída de arredor de 2.100 m2. O edificio está composto basicamente dun andar, á que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén un andar -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

O centro de sáude contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería, unha para farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, dúas salas de técnicas e outras tres salas polivalentes.

Polo que atinxe a área pediátrica, terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde. O centro terá, así mesmo, unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social e unha área de persoal, e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións.

O proxecto de construción propón un esquema de espiña de peixe, con patios arborizados, o que permite unha boa disposición das pezas, garantindo ventilación e iluminación natural en todas elas, á vez que optimiza os percorridos de circulación.

Este novo centro da rede sanitaria pública galega, que atenderá unha poboación de arredor de 14.000 persoas, suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños e veciñas de Ames.

Infraestruturas modernas e con capacidade de resoluciónA mellora e modernización das infraestruturas en atención primaria é unha prioridade para a Xunta de Galicia. O Servizo Galego de Saúde traballa para poñer á disposición da cidadanía galega infraestruturas modernas, con capacidade de resolución de alto nivel de calidade e no lugar máis próximo ao paciente como é a atención primaria.

Ao longo desta lexislatura, máis de 300.000 galegos e galegas van cambiar o seu centro de saúde actual por un novo ou renovado, xa que o Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo está a traballar en 20 novas infraestruturas. Nesta ambiciosa renovación, a Xunta de Galicia vai investir preto de 56 millóns de euros ata o ano 2020.


- Te recomendamos -