Inicio Galicia Feijóo refírese á Ados como o fito dun modelo que combina solidariedade...

Feijóo refírese á Ados como o fito dun modelo que combina solidariedade e eficiencia administrativa situando Galicia á cabeza das comunidades máis doadoras

0

Asegura que Galicia soubo utilizar con decisión as ferramentas do autogoberno para acompasar a solidariedade tradicional dos galegos cos modernos sistemas de xestión sanitaria, revertendo o déficit de doazóns

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos como o fito dun modelo que combina solidariedade e eficiencia administrativa situando Galicia á cabeza das comunidades máis doadoras, superando en catro puntos á media estatal.

Durante a celebración do 25 aniversario da Ados, Feijóo subliñou que Galicia soubo utilizar con decisión as ferramentas do autogoberno para acompasar a solidariedade tradicional dos galegos cos modernos sistemas de xestión sanitaria, revertendo o déficit de doazóns ata situarse no ano 2000 por riba dos índices recomendados pola Organización Mundial da Saúde; “un rexistro que mantemos sen interrupcións durante 18 anos”.

Nesta liña, lembrou os pasos que se deron para acadar este obxectivo, entre os que destacou: a creación do Centro de Transfusión de Galicia e a posta en marcha das unidades móbiles de doazón, integrando nun único punto de referencia os labores de captación, fraccionamento, procesamento e distribución dos compoñentes sanguíneos. A apertura de sete locais permanentes de atención a doadores, vinculados aos hospitais de referencia das grandes cidades; a posta en funcionamento da doazón selectiva mediante aférese ou a creación do banco público de sangue de cordón umbilical, converten, ademais, a Comunidade en referencia para a tipaxe de doadores de medula ósea.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta referiuse tamén ás 108.656 doazóns recollidas o pasado ano, que permitiron bater o récord de transplantes de órganos realizados en Galicia en 2017, así como aos 113 doadores de órganos que permitiron salvar centos de vidas e aos 9000 doadores de medula ósea.

Feijóo concluíu dando as grazas a todos os galegos anónimos pola súa solidariedade, representados neste aniversario nos municipios que estimulan a solidariedade dos veciños, nas empresas que fomentan a doazón entre os seus empregados, nas Forzas Armadas, nos centros de ensino universitario e non universitario, nas iniciativas innovadoras e nas campañas especiais de doazón e nas irmandades de doadores. 


- Te recomendamos -