Vázquez Mourelle salienta a importancia das achegas dos concellos da provincia para potenciar a cobertura territorial da rede de transporte público e facilitar a mobilidade da cidadanía
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, demandou hoxe a colaboración dos municipios de Lugo na elaboración do plan de transporte público, que incluirá traballo de campo concello a concello, ao tempo que salientou a importancia das súas achegas para potenciar a cobertura territorial da rede de transporte público e facilitar a mobilidade da súa cidadanía. Con motivo dos encontros programados esta semana nas distintas cidades galegas para informar sobre o proceso de elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia, a conselleira explicou que esta reunión marca o inicio do proceso de consultas, que seguirá con xuntanzas individuais concello a concello, coa vista posta en acadar uns servizos axeitados ás demandas da Galicia do século XXIA conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, solicitou a implicación das administracións locais e manifestou o interese por coñecer as súas prioridades e propostas por ser as máis próximas aos cidadáns.
Nese senso, Vázquez Mourelle salientou a importancia de tratar de xeito conxunto as melloras do transporte público na provincia de cara ao ano 2019, data de caducidade das actuais concesións. Informou tamén en detalle sobre o proceso de elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia e expresou a súa confianza en acadar a máxima implicación e colaboración das Administracións locais e provincial, para renovar e modernizar as liñas de transporte por estrada de toda Galicia.
Concretou o traballo que está a realizar o seu departamento neste ámbito, e salientou o camiño iniciado en agosto de 2017 coa posta en marcha da primeira fase do Plan de transporte público, que na provincia de Lugo abrangueu 107 liñas e 60 concellos, e que permitiu acadar o obxectivo prioritario de que os veciños non estivesen un só día sen transporte. Tamén posibilitou ampliar e mellorar os servizos aos cidadáns, ofrecendo unha mellor cobertura territorial e con tarifas máis económicas.
Ethel Vázquez lembrou que na provincia da Coruña, a 1ª fase do Plan de transporte supuxo case que multiplicar por 4 o número de paradas, pasando de 450 a preto de 1.700. E engadiu que permitiu poñer en marcha novas modalidades, como as 74 liñas de transporte baixo demanda e 76 liñas de autobús compartido, que están sendo utilizadas por máis de 5.000 usuarios non escolares cada mes, e que teñen suposto grandes beneficios para os veciños do rural.
Destacou que agora na 2ª fase do Plan incluiranse a totalidade dos municipios e das liñas de transporte da provincia, 135 liñas de interurbanas que prestan servizo nos 67 municipios, e expresou a súa a confianza de que estes encontros, que se inician na Coruña, sexan útiles e frutíferos de cara a potenciar a rede de transporte público, ofrecer máis e mellores servizos e facilitar a mobilidade da xente.
A conselleira referiuse aos pasos que está a dar o Goberno galego, desde que no mes de maio someteu a información pública o documento base do Plan de Transporte Público de Galicia.
Dixo que agora a Xunta continua o proceso de consultas e o traballo de campo, a través destas reunións conxuntas con concellos e deputacións, coas que posteriormente se celebrarán reunións individuais con cada un dos 313 concellos de Galicia. E tamén tense previsto a realización de enquisas en centros sanitarios, educativos, administrativos e parques empresariais, ademais de estacións e paradas de buses, para coñecer as demandas existentes.
Concluí Ethel Vázquez subliñando que nos vindeiros meses se seguirá co proceso de escoita activa e participación continuada, para mellorar os servizos e para que Galicia teña en 2019 un transporte público que responda con eficacia ás demandas de mobilidade da cidadanía.
- Te recomendamos -