O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se anuncian os beneficiarios destas achegas, que teñen como obxectivo mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras mediante programas zoosanitarios comúns
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ás Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras (ADSG) de Galicia beneficiarias na convocatoria de 2018-2019. Neste caso esgotouse o crédito ata os 2,15 millóns de euros, beneficiando así un total de 71 agrupacións.
O obxectivo destas axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais.
Grazas á aplicación destes programas, increméntase paulatinamente a rendibilidade das explotacións, diminuíndo as perdas ocasionadas por motivos sanitarios e facilitando o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, benestar e sanidade animal. Cómpre destacar que Galicia é a única Comunidade Autónoma que mantén, ano tras ano, esta liña de axudas financiada con fondos propios e para abordar o control de determinadas enfermidades animais que non son obxecto de programas nacionais, co fin de contribuír á mellora sanitaria da cabana gandeira apoiando economicamente o soporte técnico aos gandeiros, así como os custes das analíticas de laboratorio, onde ás mostras dos animais das explotacións integradas en ADSG se lles aplica unha taxa de análise reducida no Laboratorio de Sanidade e Produción de Galicia.
Os gastos subvencionables serán todos aqueles derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das agrupacións para a realización dos distintos programas zoosanitarios. Así mesmo, tamén se financiarán os gastos derivados da compra de material funxible como guantes e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas, e cursos de formación para os gandeiros.
O listado completo de beneficiarios pódese consultar na seguinte ligazón.
- Te recomendamos -