O receitario, no que colaboraron 20 cociñeiros galegos de recoñecido prestixio, contén pratos equilibrados e de baixo custe
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou na presentación do receitario Hoy como en casa: recetas saludables y económicas elaboradas por los mejores chefs de Galicia, un libro solidario realizado por Vegalsa- Eroski e Cruz Vermella. No acto estiveron presentes representantes de ambas institucións así como os cociñeiros Ángeles Mazoa, Luis Veira e Lucía Freitas, que colaboraron con esta iniciativa.
O obxectivo desta publicación é ofrecer apoio a persoas en situacións de exclusión social, para que consigan adoptar unha alimentación saudable e equilibrada con receitas de baixo custe. O receitario, no que colaboraron un total de 20 chefs galegos de recoñecido prestixio, distribuirase entre os usuarios de Cruz Vermella. Así mesmo, está prevista a súa venta nos centros de alimentación pertencentes ao grupo Vegalsa-Eroski a un prezo de dous euros, que irán integramente destinados a proxectos de inclusión social de Cruz Vermella en Galicia. Deste xeito, facilítase unha ferramenta para que persoas en risco de exclusión social e a sociedade en xeral leve unha alimentación sa e equilibrada.
Durante a súa intervención, Rey Varela enxalzou o labor que realiza a Cruz Vermella, “moi pegado á realidade, a pé de rúa e sempre ao carón das familias e das persoas que máis precisan de apoio”. Neste sentido, salientou a colaboración que o seu departamento mantén coa devandita asociación, a cal avogou por seguir afondando na procura de “dar as mellores atencións e chegar a todos os sitios e fogares nos que haxa unha necesidade”.
Vegalsa-Eroski tamén ten un compromiso indubidable coa sociedade galega, xa que é unha das empresas adheridas á Tarxeta Benvida que ofrece descontos a aquelas persoas que se acaban de converter en pais e nais.
Así mesmo, esta firma e a Xunta veñen de asinar un convenio para a realización de prácticas formativas nos seus establecementos dirixidas a participantes da Estratexia de Inclusión Social de Galicia.
Cómpre destacar que, ademais de apoiar iniciativas como a presentada hoxe, o Goberno galego seguirá traballando en prol da inclusión a través dunha tripla perspectiva: apoiando a aquelas organizacións que loitan contra a pobreza e a desigualdade a pé de rúa e ao carón dos que máis sofren, destinando en cada convocatoria unha maior partida económica á orde de axudas a entidades sociais e dando novos impulsos á Axenda Social Única de Galicia, como ferramenta de colaboración e coordinación entre administracións e coas propias entidades para facer fronte a situacións de exclusión.
Froito deste compromiso, é o progresivo incremento que teñen experimentado os fondos públicos dirixidos a políticas activas de inclusión social desde a creación da Consellería de Política Social en 2015. De feito, no presente ano de 2018 os orzamentos autonómicos recollen 115,2 millóns de euros para esta área do executivo, 30 millóns máis que fai tres exercicios, o que supón un incremento acumulado do 35% neste período de tempo.
- Te recomendamos -