Inicio Galicia Conde subliña que a tecnoloxía dixital determina a competitividade das empresas e...

Conde subliña que a tecnoloxía dixital determina a competitividade das empresas e salienta o papel do márketing como canle para conectar co cliente

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Sada (A Coruña), na xornada ‘Industria 4.0: tendencias en comunicación e márketing’

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante a súa participación na xornada Industria 4.0: tendencias en comunicación e márketing, celebrada na sede de Trison, en Sada (A Coruña), que a tecnoloxía dixital é a ferramenta que determina a competitividade das empresas e que o márketing é a canle para conectar co cliente.

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou que as novas tecnoloxías e a Industria 4.0 están transformando todo o noso contorno, cambiando o modo de producir, consumir e vender, facendo da innovación e a creatividade elementos fundamentais no ámbito empresarial. Neste modelo, o cliente sitúase no centro do sistema, por iso, Conde se referiu á importancia de apostar por unha imaxe de marca.

Neste sentido, sinalou que o márketing, especialmente no sector minorista, ofrece a posibilidade de chegar aos clientes tamén a través da tecnoloxía, dixitalizando os seus espazos, como no caso de Trison que, grazas ao seu uso do márketing dinámico e olfativo, é a quinta compañía mais importante do seu segmento a nivel internacional logrando mellorar a experiencia de compra dos clientes.

Conde salientou o papel do sector TIC na Comunidade, en pleno crecemento grazas ás 3410 empresas que o conforman e que dan emprego a case 22.000 profesionais, a cifra máis alta nos últimos 5 anos.

O conselleiro incidiu no reto que as empresas teñen que afrontar no eido da Industria 4.0, para integrar tecnoloxías dixitais como a impresión 3D, a intelixencia artificial, o big data ou a automatización de procesos para gañar en competitividade e agradeceu a organización desta xornada na que se analizou a repercusión deste novo paradigma nas estratexias de comunicación das empresas. 


- Te recomendamos -