O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na xornada ‘Hacker ético’ na que se deron a coñecer os perigos e as ferramentas para minimizar os danos que ocasionan os atacantes non autorizados
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na xornada Hacker ético, que desenvolveu o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Na iniciativa, que forma parte da programación do CNTG deste ano, déronse a coñecer os perigos e ferramentas para poder minimizar o dano que poden ocasionar os atacantes non autorizados. A figura do hacker ético coñece os métodos e técnicas que empregan os hackers para poder combatelos e analizar a vulnerabilidade dunha organización. En palabras de Marnotes, este seminario reflicte o compromiso da Xunta de dar resposta ás demandas reais de cada sector de actividade, destacando que a ciberseguridade vai ser un dos retos do futuro da sociedade. A xornada contou coa asistencia de Kenneth Peiruza, consultor e formador con 20 anos de experiencia profesional no mundo do hacking ético da administración e a seguridade en sistemas Linux.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral salientou que a Xunta traballa para adecuar os perfís profesionais dos traballadores ás necesidades reais das empresas, unha medida que contribúe a xerar emprego estable. Por iso, puxo en valor a formación de calidade como a que se imparte no CNTG a través de 46 cursos no primeiro semestre deste ano para cualificar a preto dun milleiro de alumnos e alumnas. Ademais, o centro leva a cabo 19 xornadas divulgativas, como a de hoxe de hacker ético. Son seminarios sobre os novos desenvolvementos no mundo das TIC nos que se prevé a asistencia de 500 persoas.
A programación deste ano do CNTG céntrase na ciberseguridade. Nas accións formativas que se impartiron sobre esta materia participaron preto de 420 alumnos e alumnas.
Ademais da formación para ocupados que se ofrece neste centro, a Xunta financia este ano cualificación especializada e á carta a máis de 23.000 traballadores galegos e autónomos de sectores estratéxicos e emerxentes da economía galega. Inviste nesta medida 13 millóns de euros para o desenvolvemento de preto de 1500 cursos. Así mesmo, desenvolve as Unidades Formativas na Empresa, para desempregados e ocupados, un programa que inclúe tamén formación á carta. “A Xunta ten o foco posto na mellora da cualificación dos galegos e galegas que se traduce unha aposta pola formación de calidade”, rematou.
- Te recomendamos -