Á fase galega do certame presentáronse 1986 traballos, procedentes de 115 centros participantes
Irene Ramón Fernández, alumna de 6º de Primaria do CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo (Cee, A Coruña), representará a Galicia na 37ª edición do certame nacional ¿Que é un Rei para ti?, co que a Fundación Institucional Española (FIES), baixo o patrocinio da fundación Orange, pretende fomentar nos escolares de 8 a 13 anos unha primeira toma de contacto coa figura do xefe do Estado, coa historia da Coroa e o seu papel na sociedade actual. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén colaborando na organización da fase autonómica.
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou na lectura do fallo do xurado sobre a gañadora do concurso en Galicia, así como na inauguración da exposición dos 40 traballos finalistas da fase autonómica do certame, na que participaron 1986 traballos e 115 centros participantes. Todos eles amosan, mediante a imaxinación, a creatividade, o talento, e o esforzo precisos, a súa visión particular e persoal do que representa o monarca.
José Manuel Pinal felicitou, ademais de á gañadora,a todod os participantes no certame polo seu traballo. “Cada un deles –dixo– atopou a imaxinación, a creatividade, o talento, o esforzo, o sentido da iniciativa e o espírito emprendedor precisos para representar, dun xeito orixinal e baixo calquera formato, a súa visión particular e persoal do que representa El Rei”. Así mesmo, agradeceu a colaboración do profesorado, “porque a vosa entrega e dedicación son extraordinarias e fan de vós un referente do noso sistema educativo”; e a das familias, “polo seu apoio incondicional”.
Na súa condición de gañadora da fase autonómica do concurso, Irene Ramón Fernández asistirá a unha audiencia co rei Felipe VI, e realizará unha visita ao Palacio Real de Madrid. O director xeral sinalou esta experiencia como “unha vivencia que has de recordar para toda a túa vida” e convidouna a aproveitar a ocasión para coñecer aos demais nenos e nenas premiados, procedentes de todas as comunidades de España.
A fundaciónA Fundación Institucional Española (FIES) é unha entidade cultural privada creada no ano 1976 co fin de fomentar e estimular o estudo da Monarquía como institución, fomentar o coñecemento e o respecto as persoas que a encarnan, divulgar os beneficios da Monarquía e facer promocións das iniciativas que promovan a divulgación e formación da sociedade nos valores de convivencia e solidariedade, como reflexo da liberdade e pluralidade propugnada pola Coroa na España actual.
- Te recomendamos -