A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega
Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 4 e o 10 de xuño un total de 180 inspeccións de control en 24 concellos galegos.
Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo nesta pasada semana realizáronse 43 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos de A Coruña, Abegondo, Ames, Amoeiro, Arzúa, Barbadás, Bergondo, Cangas, Lugo, Moaña, Mos, O Porriño, Ourense, Ponteareas, Pontecesures, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Tui, Vigo e Vilalba.
Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 131 persoas e inspeccionadas 180 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 23 actas de infracción, das cales 1 foron por venda de alcol, 21 por consumo de alcol e 1 por consumo de tabaco.
A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.
Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.
- Te recomendamos -