Inicio Galicia Almuiña visita as obras da ampliación do centro de saúde da Laracha...

Almuiña visita as obras da ampliación do centro de saúde da Laracha nas que o Sergas vai investir máis dun millón de euros

0

Esta nova instalación da rede sanitaria pública galega terá unha superficie de máis de 600 metros cadrados, e permitirá liberar os espazos do centro de saúde

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as obras de ampliación do centro de saúde da Laracha (A Coruña), nas que o Servizo Galego de Saúde vai investir 1.070.608 euros, para a construción dun Punto de Atención Continuada. O prazo de execución da obra é de nove meses.

O novo Punto de Atención Continuada da Laracha constrúese ao carón do centro de saúde. Esta nova instalación da rede sanitaria pública galega terá unha superficie de 613 metros cadrados construídos e contará cunha sala de reanimación e observación, dúas consultas de medicina xeral, unha consulta de enfermería, unha consulta polivalente, recepción, dormitorios e sala de descanso para o persoal de garda, entre outras dependencias. A nova instalación permitirá liberar os espazos do centro de saúde para cubrir as necesidades detectadas para a atención ordinaria.

Cunha especial sensibilidade co entorno e minimizando o impacto visual da fachada, será o primeiro edificio público que levará tecnoloxía galega en madeira, tendo unha gran presenza este material en toda a instalación tanto no aspecto estético como na eficiencia enerxética e o baixo impacto ecolóxico.

O obxectivo é construír un edificio cun material de orixe natural cuxo proceso produtivo en relación a outros produtos industrializados ofrece menos residuos, require un baixo consumo enerxético e respecta a natureza e o medio ambiente, é pódese dicir que é 100% renovable. Tívose, pois, en conta, a eficiencia medio ambiental do edificio, procurando achegarse aos parámetros de consumo case nulo que en breve serán de aplicación obrigatoria para os edificios públicos. Por outro lado, valorouse o impacto dos edificios de madeira sobre os usuarios como moi positivo pola sensación de confort que achegan e pola contorna segura, saudable e agradable que crean.

Prioridade para a XuntaA mellora e modernización das infraestruturas en atención primaria é unha prioridade para a Xunta de Galicia. Así, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña traballa para poñer á disposición da cidadanía galega infraestruturas modernas, con capacidade de resolución de alto nivel de calidade e no lugar máis próximo ao paciente como é a atención primaria.

Ao longo desta lexislatura, máis de 300.000 galegos e galegas van cambiar o seu centro de saúde actual por un novo ou renovado, xa que o Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo está a traballar en 20 novas infraestruturas. Nesta ambiciosa renovación, a Xunta de Galicia vai investir preto de 56 millóns de euros ata o ano 2020.


- Te recomendamos -