Mercedes Rodríguez destacou que é necesario buscar programas que beneficien ao medio mariño e ao sector para conservar os hábitats e reducir os efectos das actividades pesqueiras para que sexan economicamente viables e competitivas
A Consellería do Mar aposta pola aplicación dos avances tecnolóxicos na vixilancia da actividade pesqueira de cara a unha xestión sustentable do mar. Así o destacou a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, na inauguración da IX Conferencia Internacional de Observadores e Monitoreo Pesqueiro, IFOMC.
Nela, a directora xeral destacou que é necesaria a busca continua de melloras de programas que beneficien ao medio mariño e ao sector. Ao tempo explicou que “só coa mellor información, tomaremos as mellores decisións para conservar os hábitats e reducir ao mínimo os efectos das actividades pesqueiras para que sexan economicamente viables e competitivas”.
Neste sentido, trasladou que con iso se pretende impulsar o crecemento económico de Galicia, o poder da innovación e o valor dos profesionais para lograr un sector moderno, cohesionado e competitivo. Para acadar isto, explicou que a Consellería do Mar conta co traballo que se realiza no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e no Centro Tecnolóxico do Mar –Fundación Cetmar.
Neste aspecto, Mercedes Rodríguez recordou que estes centros sustentan a súa actividade no labor investigador, promotor e divulgador de coñecemento e na transferencia de tecnoloxía. Un traballo, sinalou, que sumado á cooperación con outros organismos da Xunta e co apoio do Sistema Universitario de Galicia, do CSIC e do IEO, permite sumar sinerxías cara un mellor modelo de xestión da pesca.
Ademais, a directora xeral trasladou a importancia da aportación de datos por parte do sector. Uns datos que permiten coñecer a trazabilidade dos produtos pesqueiros e que garanten a calidade e a orixe dos produtos aos consumidores, dotan de máis e mellor información a comercializadores e consumidores e melloran a xestión dos recursos e controlan a transparencia de todas as transaccións do proceso comercial.
Finalmente, a directora xeral eloxiou a celebración deste encontro que serve para abordar problemáticas relacionadas cos programas de observación pesqueira, as tecnoloxías emerxentes de monitorización e os novos sistemas de recompilación de datos para poñer en común informacións e “seguir sendo capaces de desenvolver novas metodoloxías ao servizo da pesca”, subliñou.
- Te recomendamos -