O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, reuniuse con eles no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, onde expuxo as liñas de acción na Xunta neste eido
Os dirixentes da Asociación Holandesa de Amigos do Camiño de Santiago, a máis numerosa das máis de 300 que traballan en todo o mundo, visitou durante esta fin de semana Galicia. O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, encargouse de recibilos para agradecerlles o seu labor a prol dos valores da peregrinación, da súa preservación e difusión con diferentes iniciativas nos seus respectivos territorios.
A delegación holandesa, que estivo encabezada polo actual presidente da asociación, Peter Hesseling, tivo oportunidade de visitar lugares de Santiago de Compostela como a Colexiata de Santa María do Sar ou a igrexa de Santa María de Conxo. Amais, Sánchez reuniuse con eles no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, onde realizou unha presentación das liñas de traballo que está a desenvolver a Xunta arredor do Camiño de Santiago.
Sen o asociacionismo xacobeo non se terían acadado os resultados e dimensións que hoxe amosa en distintos países este fenómeno. A súa dedicación altruísta abrangue numerosos eidos, entre eles o voluntariado de hospitaleiros na rede pública de albergues da Xunta.
Axudas e cooperaciónA súa contribución é tida moi en conta no Plan director do Camiño de Santiago, cunha liña dirixida a potenciar a cooperación cos diferentes colectivos. Os orzamentos deste ano, de feito, consignan unha partida de 90.000 euros a diferentes liñas de acción e colaboración co labor esencial de información e difusión que desenvolven. Estas axudas articúlanse a través dunha convocatoria en concorrencia competitiva para o apoio ao seu funcionamento e, especialmente, ás accións de difusión da cultura xacobea nos seus ámbitos territoriais.
- Te recomendamos -