Gaba esta arte marcial como “un dos deportes máis beneficiosos para a saúde, especialmente nas idades máis temperás”
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou no serán de hoxe na XXII Gala da Federación Galega de Judo e na entrega de premios aos mellores deportistas da tempada. Alí, a máxima responsable do deporte galego destacou á de judo como á cuarta federación galega en número de licenzas chegando xa ás case 9.000, un 20% máis que en 2009. Ademais dixo, “somos a terceira comunidade con maior número de licenzas en España, só superada por Madrid e Cataluña”.
Nas súas verbas, Marta Míguez gabou esta arte marcial como “un dos deportes máis beneficiosos para a saúde, especialmente nas idades máis temperás”. Nesta liña destacou “todas as vantaxes físicas e psíquicas que benefician a todos os practicantes e especialmente aos máis pequenos, polo que o judo é un dos deportes máis destacados no noso programa Xogade, que aglutina toda a oferta deportiva en idade escolar promovida pola Xunta”.
Na súa intervención, a secretaria xeral destacou a “nobreza” dun deporte que “non busca vencer ao rival a través da destrución ou da humillación, senón a través da súa neutralización sen ocasionar dano algún”. “Un deporte que non se opón á forza do contrincante, senón que a aproveita para optimizala, deixándonos unha gran ensinanza vital: aceptar as cousas como veñen para sacar o maior rendemento delas”, engadiu.
Marta Míguez recordou algúns dos fitos do judo galego como a creación da Federación Galega de Judo no ano 1965 ou a consecución do primeiro diploma olímpico galego, ao rematar o coruñés Victorino González os Xogos de Seúl 88 na sétima posición.
- Te recomendamos -