A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias recibiu a estes colectivos e informarlles sobre as liñas de axudas da consellería para apoiar o seu funcionamento
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, recibiu a representantes do sector hortícola, frutícola e da planta ornamental para coñecer de primeira man a situación actual e as principais demandas que hai nestes eidos produtivos. Na xuntanza estiveron membros da Asociación frutícola de Galicia, da cooperativa Horsal e representantes do sector da horta noutras zonas produtivas, así como da Asociación de Viveristas do Norte (Asvinor).
A directora xeral escoitou as peticións realizadas por estes colectivos e trasladoulles o compromiso da conselleira de que proximamente se publicará unha nova orde de axudas destinada en exclusiva a estes sectores. Esta iniciativa ten por obxecto apoiar este eido produtivo para que non parta en desvantaxe fronte a outros máis dimensionados, coma o lácteo, nas ordes de subvencións que comparten, como son os plans de mellora.
Por outra banda, Belén do Campo informoulles tamén dos traballos que se están levando a cabo para a creación do selo de calidade común para os produtos da horta de Galicia. Con este selo preténdese amparar ás producións hortícolas da nosa comunidade e facilitar a súa promoción e comercialización nos diferentes mercados, así como garantir, diante dos consumidores, a súa orixe galega e a súa calidade contrastada, de xeito que se fomente a actividade deste sector.
- Te recomendamos -