Inicio Galicia A Xunta amplía a oferta de ocio, saúde e tempo libre dirixida...

A Xunta amplía a oferta de ocio, saúde e tempo libre dirixida ás persoas maiores cun novo programa de benestar a través da talasoterapia

0

A Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade oferta 210 prazas en tres talasos de Galicia con estadías de 6 días e 5 noites


A Consellería de Política Social amplía a oferta de ocio, tempo libre e envellecemento activo e saudable dirixido ás persoas maiores coa posta en marcha dun novo programa de benestar a través da talasoterapia. A finalidade desta anovadora proposta impulsada pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade é facilitarlles ás persoas maiores o acceso a establecementos de Galicia que ofertan esta método de terapia que se basea no uso de diferentes elementos mariños como auga de mar, barro, algas etc., para a prevención e tratamento de doenzas.

A través deste programa, a Xunta oferta un total de 210 prazas con estadías de 6 días e 5 noites en tres establecementos, dous deles situados na provincia de Pontevedra: o Hotel Talaxo Louxo, na Illa da Toxa, e Talaso Atlántico, no municipio de Oia; e o outro é o Thalasso Cantábrico, emprazado na localidade lucense de Viveiro. Cada un destes negocios pon a disposición deste programa 70 prazas en diferentes quendas, sendo a primeira do 7 ao 12 de outubro e a última do 9 ao 14 de decembro. A Administración autonómica financia o 30% do custe de cada praza que para as persoas solicitantes ten un prezo de 201 euros.

As solicitudes poderán presentarse a partir da xornada de mañá ata o día 31 do vindeiro mes de xullo, pudendo solicitar un máximo de tres quendas por solicitante por orde de prioridade. Para a valoración das solicitudes daráselle preferencia ás persoas con menos ingresos e de máis idade.

Algún dos requisitos para inscribirse son ter máis de 60 anos ou de 55, e neste caso, reunir a condición de pensionista e valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria, entre outros. Así mesmo, a persoa solicitante poderá ir acompañada. O modelo de instancia a cursar así como toda a información ao respecto deste programa está dispoñible no portal web da Consellería de Política Social.

A iniciativa Benestar a través da talasoterapia ven completar o programa Benestar en balnearios que tamén organiza a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade ofertando outras 679 prazas en distintos balnearios da xeografía galega. A edición deste ano comezou o pasado mes de maio cunha quenda no Balneario de Augas Santas situado no municipio de Pantón, pertencente á provincia de Lugo. 


- Te recomendamos -