Tras a posta en servizo da Autovía do Morrazo o Goberno galego cumpre co compromiso de reparar esta vía, que serviu de alternativa ao corte do Corredor
A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, vén de licitar a reparación do firme na estrada provincial EP-1102, entre Meira e Fraga, no termo municipal de Moaña cun investimento de preto de 275.500 euros.
A Administración autonómica cumpre así co compromiso adquirido de reparar a vía que serviu de alternativa ao corte do Corredor do Morrazo durante as obras de desdobramento dos subtramos 1 e 2 para a súa conversión en autovía. Cómpre lembrar que a Autovía do Morrazo, en servizo desde o pasado mes de maio, é o maior investimento que ten en marcha a Xunta nunha infraestrutura viaria: con, practicamente, 56 millóns nos dous treitos abertos, entre Rande e Meira, 7 quilómetros que supoñen máis do 65% do trazado e nos que se rexistran as maiores densidades de tráfico, con case 20.000 coches en época estival; e que antes do verán de 2019 sumarán 4 quilómetros máis, ata o enlace de Cangas, rematando para sempre cos atascos e completando a totalidade do eixe de comunicación que os veciños do Morrazo precisan e agardan.
As empresas interesadas na execución destas actuacións, que veñen a corrixir o desgaste sufrido polo firme derivado do incremento dos tráficos, contan cun prazo de 4 meses para presentar as súas ofertas, concretamente ata o vindeiro 30 de xuño. No seguinte enlace ao pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://goo.gl/wPqMuAO proxecto define unha intervención localizada na estrada EP-1102 entre o pq. 0+000 e pq. 2+600. Repararase o firme nos tramos nos que a estrada provincial presenta deformacións mediante o fresado e a reposición da capa de rodadura.
Plan de reforzos de firmesEn paralelo, a Xunta continúa co desenvolvemento do Plan de Reforzos de Firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros.
O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.
A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.
- Te recomendamos -