O grupo de traballo para a dinamización da lectura en Galicia reuniuse esta tarde para avanzar no deseño dunha proposta de liñas de actuación que sirvan de base para a elaboración do Plan Galego de Dinamización da Lectura. Este plan formará parte da Estratexia da Cultura Galega 2021, actualmente en proceso de elaboración, que será a folla de ruta para a política da Xunta de Galicia en materia cultura para os próximos anos.
A xuntanza do grupo de traballo, creado en xaneiro de 2018 ao abeiro do Consello Asesor do Libro, tivo lugar esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia. Estivo presidida polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e nela participaron a subdirectora xeral de Bibliotecas e a xefa do servizo do Libro da Xunta de Galicia, Cristina Rubal e Dolores Tobío, respectivamente, xunto con representantes da Asociación Galega de Editoras, da Federación de Librarías de Galicia, da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura e Educación, da Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia e da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación, entre outras entidades.
- Te recomendamos -