Inicio Galicia A Xunta salienta que a aposta pola responsabilidade social empresarial favorece as...

A Xunta salienta que a aposta pola responsabilidade social empresarial favorece as condicións laborais dos traballadores

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, clausurou hoxe en Santiago de Compostela o I Encontro de empresas Responsabilízate, que promove a Xunta para impulsar entre o tecido empresarial modelos de xestión sostibles

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, pechou hoxe O I Encontro de empresas Responsabilízate, un foro promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para motivar ás empresas a que afonden nas vantaxes da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) como modelo sostible a través da experiencia de pemes que apostaron por esta fórmula de xestión.

Trátase da primeira edición dun encontro entre os participantes do proxecto Responsabilízate que puxo en marcha a Xunta para asesorar de xeito personalizado ás pemes neste ámbito. Así, no foro presentáronse os resultados das actividades que se levaron a cabo a través desta iniciativa e difundíronse algunhas das boas prácticas en materia de RSE recollidas dentro do mesmo.

Toca salientou que a aposta pola RSE favorece que os traballadores e traballadoras desempeñen o seu labor nas mellores condicións posibles, ao tempo que xera empresas máis competitivas e máis responsables e comprometidas co entorno. Para Toca “o benestar dunha sociedade é inseparable da responsabilidade social das súas empresas”.

A secretaria xeral de Emprego indicou que o programa Responsabilízate reflicte a aposta do Goberno galego e o seu compromiso adquirido para concienciar da importancia da RSE nas empresas galegas.

Un total de 127 pemes galegas participaron na primeira fase do programa a través da cal, co acompañamento dun titor, as empresas puideron diagnosticar o seu estado de avance na RSE e recibiron formación na materia. Un total de 103 pasaron á segunda fase que se centrou na elaboración e implantación do plan de acción da RSE.

Outros dos obxectivos do encontro foron achegar coñecementos e recursos prácticos en materia de RSE, aumentar a visibilidade, difusión e promoción de experiencias RSE de interese entre o tecido empresarial e crear e propiciar un marco para o intercambio de experiencias, estratexias e sensibilidades vinculadas á RSE e á sustentabilidade.

A secretaria xeral de Emprego, na súa intervención, expuxo as diversas iniciativas postas en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a RSE e fixo entrega do certificado de participación ás empresas participantes na primeira edición do proxecto.

Axudas á conciliaciónEntre as medidas que ten en marcha a Xunta nese eido, destacou as axudas para impulsar en 340 pemes, micropemes e autónomos a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, persoal e familiar e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE). Os apoios, que se poden solicitar ata o próximo 28 de xuño, poden chegar ata os 12.000 euros por empresa. O Goberno galego, no seu obxectivo de garantir a saúde e benestar dos traballadores e traballadoras, reforzou este ano este programa incrementando o seu orzamento en preto dun 61% con respecto a 2017, ata chegar aos 1,3M€.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con esta actuación fomentar a RSE, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación dos traballadores e traballadoras en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa. As compañías que avogan por unha xestión baseada en comportamentos responsables son máis competitivas e desenvolven produtos e servizos de maior valor, o que tamén repercute na cidadanía.

Toca tamén destacou que Galicia foi pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar un verdadeiro emprego estable e de calidade. De feito, foi en 2012 unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico de RSE.

Para rematar, a secretaria xeral de Emprego avogou pola colaboración de todos os axentes sociais e económicos e as administracións para traballar de forma conxunta no impulso de políticas que aseguren aos traballadores e traballadoras a tranquilidade que a estabilidade proporciona.


- Te recomendamos -