A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou esta tarde na Illa de Arousa o traballo realizado polo Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) na compilación de algas do litoral de Galicia. Este labor, explicou, reflíctese nas fotografías de 79 especies de algas prensadas que estiveron expostas desde o 26 de abril no centro dependente da Consellería do Mar e foi recollido na guía Macroalgas das costas de Galicia. A colección do IGAFA. Un traballo, engadiu a directora xeral, no que foi fundamental a colaboración do profesor da Universidade da Coruña, Javier Cremades.
Así o sinalou Susana Rodríguez durante a clausura da xornada As algas e os seus usos, que hoxe acolleu o IGAFA e que se realizou co obxectivo de divulgar entre o alumnado e o profesorado do centro e o sector marisqueiro e empresarial da contorna, a importancia das macroalgas como recurso económico e as súas perspectivas de futuro. Neste sentido, a directora xeral destacou que o ano pasado se extraeron en Galicia preto de 364 toneladas de algas que acadaron un valor económico en primeira venda de 244.000 euros.
- Te recomendamos -