O taller, que terá lugar en Burgas (Bulgaria) mañá, servirá para debater sobre as necesidades e desafíos da formación nos sectores da construción naval e da enerxía renovable offshore e sobre o fomento da cultura oceánica
O Centro Tecnolóxico do Mar participa este ano nas celebracións do Día Marítimo Europeo organizando un taller enmarcado no proxecto europeo MATES, unha iniciativa que coordina a Fundación CETMAR e que pretende elaborar un plan estratéxico que mellore a competitividade da industria das tecnoloxías marítimas en Europa a través dunha adecuación das formacións existentes.
Durante o taller, que se celebrará na Universidad Libre de Burgas o vindeiro xoves 31 de maio, exporase a situación dos sectores nos que o proxecto MATES centra a súa actividade, como son o da construción naval e o de as enerxías renovables mariñas.
A xornada contempla ademais un debate sobre as necesidades e os desafíos tecnolóxicos da formación relacionada cos sectores citados, ao tempo que servirá para incidir na importancia da cultura oceánica como unha oportunidade para abordar algunhas destas materias.
Todos os asistentes ao taller serán invitados a rexistrarse como expertos no proxecto MATES, co fin de contribuír á estratexia de capacitación futura para os sectores da construción naval e das renovables mariñas e a participar na identificación dos desafíos tecnolóxicos e das necesidades formativas neses ámbitos. Ademais poderán contribuír ao debate de cara a involucrar á cunca do Mar Negro dentro da estratexia a longo prazo.
Esta actividade enmárcase no programa do Día Marítimo Europeo, o evento de maior transcendencia no ámbito dos que organiza a Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e da Pesca da Comisión Europea. Nesta edición ten por obxectivo afondar na cooperación cos países do Mar Negro no uso sustentable do mar e dos océanos. Mais de 700 delegados danse cita neste encontro no que tamén participa a Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Financiado polo programa europeo Erasmus + e cun orzamento de cinco millóns de euros, o proxecto MATES conta coa participación de 17 organizacións. Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR forman parte deste consorcio a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME), a Universidade da Coruña (UdC) e a empresa de enxeñería CET Ingenieros S.
L.
- Te recomendamos -