Inicio Galicia A Xunta incrementa preto dun 20% a colaboración co Colexio de Psicoloxía...

A Xunta incrementa preto dun 20% a colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galicia para a atención a vítimas da violencia de xénero

0

Inclúe tamén o programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, o programa “Abramos o Círculo”


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella asinou hoxe coa decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez, o convenio para a atención psicolóxica a mulleres e menores que sofren violencia de xénero e a outras persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero. O convenio tamén recolle un programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar.

Este ano o convenio incrementase en preto dun 20%, cun total de 237.039 euros, dos cales 202.439 euros son para o programa de atención psicolóxica a vítimas de violencia de xénero e 34.600 euros para o programa Abramos o círculo. Concretamente, increméntase en 37.400 euros a partida destinada á atención psicolóxica de menores, impulsando así o apoio e asistencia aos nenos e nenas fillos das mulleres vítimas da violencia de xénero, vítimas directas tamén desta violencia, seguindo a medida 149 do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero.

O convenio inclúe o programa de atención psicolóxica a mulleres e menores que sufran violencia de xénero e para outras persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero, coa finalidade de ofertarlle recursos terapéuticos que lles faciliten a súa recuperación. Inclúe tamén o programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, programa denominado “Abramos o Círculo”., coa finalidade de darlle recursos terapéuticos que abran vías de recuperación a homes que recoñezan ter problemas de control da violencia no ámbito familiar.

Ambos os dous programas contan cun profesional da psicoloxía que os coordina, e cunha rede de profesionais que levan a cabo a intervención consistente en asistencias e consultas as persoas beneficiarias, asistencia oral en xuízo por parte das psicólogas e psicólogos do programa.

Inclúese ademais no convenio, a cobertura da asistencia domiciliaria urxente en caso de morte ou agresións especialmente graves por causa de violencia de xénero, sempre que sexa preciso, e en coordinación co grupo GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en catástrofes e Emerxencias), así como a colaboración co Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, no apoio terapéutico e psicolóxico das súas usuarias.

Desde o ano 2009, 3.338 mulleres e 1.180 menores se beneficiaron do programa de atención psicolóxica a eses colectivos, e 701 homes do programa Abramos o Círculo, ambos articulados a través deste convenio, entre a Vicepresidencia e Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.


- Te recomendamos -