O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o programa que inclúe incentivos de ata 12.000€ para promover entre as pemes, micropemes e autónomos a obtención de certificados en RSE, a elaboración e implantación de plans de igualdade e a conciliación con apoios ao teletraballo e para a flexibilidade horaria
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa de axudas para impulsar en 340 pemes, micropemes e autónomos a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, persoal e familiar e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) con axudas que poden chegar ata os 12.000 euros por empresa. O Goberno galego, no seu obxectivo de garantir a saúde e benestar dos traballadores e traballadoras, reforza este programa de apoios incrementando o seu orzamento en preto dun 61% con respecto a 2017, ata chegar aos 1,3M€. O prazo de solicitude ábrese mañá e rematará o próximo 28 de xuño.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con esta actuación fomentar a RSE, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación dos traballadores e traballadoras en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa. As compañías que avogan por unha xestión baseada en comportamentos responsables son máis competitivas e desenvolven produtos e servizos de maior valor, o que tamén repercute na cidadanía.
A iniciativa establece tres liñas de axudas. Para a implantación da RSE apoiarase a obtención de certificacións ou de informes de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares neste ámbito financiando o 80% dos custos do proceso de certificación ou verificación, cun máximo de 3.000 euros por empresa.
Así mesmo, apoiarase o proceso para a elaboración e implantación de plans de igualdade co 80% dos custes cun máximo de 3000 euros por compañía. Este ano, como novidade, financiarase o proceso para poñer en marcha este tipo de plans. O pasado ano estas axudas dirixíanse ás compañías que certificaban que dispoñían destes proxectos.
En terceiro lugar, para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, establécense incentivos para o fomento do teletraballo e flexibilidade horaria con axudas de 3000 euros por persoa traballadora beneficiada con límite máximo de 12.000 euros por empresa. Este incentivo incrementarase en 1000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, polo menos, igual que a masculina.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén dispón de axudas para a adquisición de elementos tecnolóxicos que faciliten o teletraballo, financiándose ata o 80% do investimento co tope de 1500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 5000 euros por empresa. A intensidade desta axuda verase incrementada nun 10% para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.
I Encontro Responsabilízate Para o Goberno galego é na actualidade unha prioridade difundir os valores da RSE entre o tecido produtivo, axudando ás empresas a crecer e gañar en competitividade.
Neste ámbito, a Xunta conta con outras ferramentas e programas para a divulgación da RSE como Xeración Responsable, para inculcar entre a mocidade a importancia que ten no día a día a integración de comportamentos socialmente responsables, ou Responsabilízate, de asesoría personalizada ás pemes. Sobre este último proxecto, a Xunta celebra este xoves 31 de maio en Santiago o I Encontro das empresas participantes na primeira edición deste programa.
O obxectivo do acto, que terá lugar ao longo da mañá, no Hotel Puerta del Camino, é presentar os resultados das actividades que se levaron a cabo a través desta iniciativa e difundir algunhas das boas prácticas en materia de RSE recollidas dentro do mesmo. Tratarase dunha xornada participativa e dinámica, tanto en canto un grupo de empresas participantes exporán as súas experiencias e actuacións en materia de RSE.
Así mesmo, contarase coa presenza do director da Fundación Más Familia, Roberto Martínez, que exporá a súa visión sobre a RSE como elemento clave para a competitividade empresarial.
Un total de 127 pemes galegas participaron na primeira fase do programa Responsabilízate a través da cal, co acompañamento dun titor, as empresas puideron diagnosticar o seu estado de avance na RSE e recibiron formación na materia. Un total de 103 pasaron á segunda fase que se centrou na elaboración e implantación do plan de acción da RSE.
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús, pechará a xornada expoñendo as diversas iniciativas postas en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a RSE e fará entrega do certificado de participación ás empresas participantes na primeira edición do proxecto.
Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar un verdadeiro emprego estable e de calidade. De feito, foi en 2012 unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico de RSE.
- Te recomendamos -