Inicio Galicia A Coruña A Xunta remítelle ao concello de Santiago o convenio para a execución...

A Xunta remítelle ao concello de Santiago o convenio para a execución da pasarela que conectará as terminais de ferrocarril e autobús na Estación Intermodal

0

O Goberno galego xa asinou este acordo de colaboración, polo que agora debe firmalo a Administración local para remitirllo tamén a Adif

A Xunta remítelle ao Concello de Santiago o convenio para a execución da pasarela que conectará as terminais de ferrocarril e autobús na estación intermodal. O Goberno galego xa asinou este acordo de colaboración, polo que agora debe firmalo a Administración local para remitirllo tamén a Adif.

O Consello da Xunta autorizou a pasada semana a sinatura deste convenio entre o Goberno galego, o Concello de Santiago e Adif para a execución dunha pasarela peonil sobre a praia de vías da estación de ferrocarril para conectala coa nova terminal de autobuses, cun orzamento de case 6 millóns de euros, dos cales a Xunta achegará 1,8 millóns de euros.

Este investimento sumarase ao que será preciso para custear a construción da nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, que a Xunta empezará a executar o vindeiro mes e que suporá un investimento de 1,4 millóns de euros. Desta forma, a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros.

Esta actuación está enmarcada na primeira fase do proxecto da estación intermodal de Santiago, que tamén inclúe a nova terminal de autobuses. A pasarela, ademais de comunicar as estacións de autobús e de ferrocarril, conectará os barrios do Ensanche e Pontepedriña para facilitar os desprazamentos dos usuarios dos dous modos de transporte e dos cidadáns.

No que se refire aos compromisos establecidos, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda executará as obras da pasarela e financiará un 30 % do importe de adxudicación e das asistencias técnicas necesarias mediante o investimento de case 1,8 millóns de euros, que estará cofinanciando nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

O Concello de Santiago financiará outro 30 % do importe de adxudicación e das asistencias técnicas necesarias para o proxecto e poñerá a disposición os terreos precisos. Unha vez rematadas as obras, a Administración local asumirá a súa titularidade, conservación e mantemento.

A Adif correspóndenlle a redacción, supervisión e aprobación do proxecto de construción da pasarela, así como o financiamento dun 40 % do importe total. Tamén colaborará nos traballos de posibles servizos afectados sobre catenaria, permisos e posta a disposición de terreos e voos necesarios.

CaracterísticasA estación de autobuses intermodal de Santiago, cun orzamento de 10,4 millóns de euros, consistirá na execución dunha nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, o que suporá unha importante mellora da mobilidade dos cidadáns, facilitando o intercambio entre as distintas formas de transporte público.

Mentres se constrúe a nova terminal de autobuses de Santiago, a Xunta definirá o futuro da actual estación, que se dedicará a usos administrativos mediante a súa integración na Cidade de San Caetano.

A actuación contempla a construción dun edificio de dous andares, situándose no inferior as dársenas e as vías de circulación e manobra de vehículos, e no superior os servizos de atención aos viaxeiros.

O proxecto terá unha superficie total de máis de 13.000 m2 e un total de 36 dársenas. Ademais, habilitarase un espazo para a implantación dun futuro aparcadoiro e un área de servizos de autobuses. 


- Te recomendamos -