Inicio Galicia Miranda reforza o seu compromiso cos galegos de Venezuela na súa segunda...

Miranda reforza o seu compromiso cos galegos de Venezuela na súa segunda viaxe do ano ao país suramericano

0

O secretario xeral da Emigración manterá diversas reunións con representantes do Goberno español na república americana

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe a súa segunda viaxe do ano a Venezuela co foco posto na situación que están a atravesar os galegos que residen no país suramericano. Durante a súa estancia, na que coincidirá co director xeral de Migraciones do Ministerio de Empleo y Seguridad Social, Ildefonso de la Campa Montenegro, manterá diversos encontros con autoridades do Goberno de España na república americana.

O responsable autonómico tamén fará un seguimento dos programas que está a desenvolver a Secretaría Xeral da Emigración no país a través das oficinas de información e atención existentes nos catro principais lugares de concentración de galegos, nos que hai, ademais, centros galegos. Miranda prestará especial atención tanto aos programas de axudas económicas individuais, cuxo prazo de solicitudes continúa aberto no caso de Venezuela, como no de distribución de medicamentos. O secretario xeral da Emigración asistirá, así mesmo, á reunión do consello de administración da Fundación España Salud e aproveitará a súa visita á capital caraqueña para impartir, xunto a De la Campa, unha xornada informativa sobre as diferentes medidas e axudas que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno de España teñen deseñado para facilitar o retorno aos galegos residentes no exterior.

Máis de 3.700 galegos menos  O Goberno galego ratifica así o seu compromiso cos galegos de Venezuela, que se elevan a 40.226, dos que 25.309 (un 63 %) naceron xa na diáspora, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto nacional de Estadística (INE), a 1 de xaneiro de 2018. Os esforzos que a Secretaría Xeral da Emigración está a volcar nos galegos de Venezuela tamén se plasma en cifras: o departamento autonómico investiu só en 2017 máis de 1,8 millóns de euros en axudas e subvencións a galegos de Venezuela entre os programas que se levan a cabo no propio país suramericano e os que se desenvolven en Galicia. En 2018 esta contía incrementouse nun 22 %, é dicir, 400.000 euros, ata alcanzar os 2,2 millóns de euros. En total, en 2017 2.500 galegos de Venezuela recibiron algún tipo de prestación social da Secretaría Xeral da Emigración. E, só no que respecta ás diferentes medidas dirixidas para facilitar o retorno dos galegos residentes no exterior, o 80% dos beneficiarios das axudas asistenciais a retornados en 2017 foron galegos que viven no país suramericano.  


- Te recomendamos -