Hoxe comezaron na capital de Galicia e en Ponferrada as probas de acreditación do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga), nas que están matriculadas 2598 persoas, o que supón un incremento de 929 con respecto á convocatoria do ano 2017. O secretario xeral de Política Lingüística supervisou pola mañá o inicio dos exames do Celga 4 no IES compostelán Antonio Fraguas, acompañado pola subdirectora xeral Lourdes Batán. Ao longo do día, desenvolveranse os exames correspondentes ao Celga 4, con 1124 persoas matriculadas en Santiago e 199 en Ponferrada. Mañá, domingo, continuarán as probas orais deste nivel. A fin de semana que vén, 2 e 3 de xuño, celebraranse as probas do Celga 3 nas dúas localidades, con 555 e 106 persoas matriculadas, respectivamente. O sábado 9 de xuño terán lugar as do Celga 2, nas que están matriculadas 434 persoas en Santiago e 84 en Ponferrada; e o domingo 10 de xuño concluirán os exames desta convocatoria 2018 coas correspondentes ao nivel Celga 1 na capital galega, con 107 persoas matriculadas.
- Te recomendamos -