O presidente de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre a normativa que regula os criterios para autorizar actividades festivas
“A seguridade e o respecto á actividade estritamente portuaria son requisitos ineludibles para que Portos de Galicia poida autorizar a celebración dun evento en espazos portuarios”. Así o ratificou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, na súa intervención esta mañá no Parlamento de Galicia para responder a unha pregunta en Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre a normativa que regula os criterios para autorizar actividades festivas nos peiraos.
Durán Hermida insistiu en que o ente público adscrito á Consellería do Mar é “plenamente consciente da importancia dos portos para aquelas vilas que os acollen e é precisamente por iso temos unha importantísima responsabilidade a este respecto”. “Queremos portos integrados na súas vilas pero para isto non podemos perder de vista o precepto máximo: a seguridade”, remarcou.
O presidente de Portos explicou que con este fin, o ente público elaborou a resolución publicada no DOG do 5 de outubro de 2017 que recolle os criterios que rexen para a autorización de espectáculos públicos nos terreos portuarios. Esta autorización recolle expresamente a posibilidade de celebración de numerosos eventos e celebracións sociais nos portos autonómicos. Así, cita a posibilidade da autorización de verbenas, festas populares, espectáculos feirais ou actividades deportivas “como os centos de eventos que se veñen celebrando e seguirán a celebrarse cada ano nos portos, especialmente no verán”, lembrou e citou como exemplos “o festival do mundo celta de Ortigueira, a festa do Albariño en Cambados, a Festa da Centola en Lorbé, a Festa do Marisco do Grove ou as múltiples celebracións da festividade do Carme en todos os peiraos galegos”.“Deste xeito, a resolución da que falamos non está orientada nin moito menos a eliminar as celebracións e espectáculos dos portos galegos senón a vinculalas ao mar, aos portos e á tradición mariñeira de Galicia, con dous límites fundamentais: seguridade e respecto aos usos produtivos dos portos”, subliñou. Consenso coa FegampDurante a súa intervención, o presidente de Portos de Galicia explicou que dada a repercusión da resolución para o conxunto dos concellos mariñeiros que acollen eventos nos seus peiraos, durante a tramitación da norma mantívose contacto directo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co fin de consensuar o seu contido.
Deste xeito, mantivéronse diversas reunións técnicas e institucionais para coordinar a necesidade de primar os criterios de seguridade e operatividade portuaria cos intereses das administracións locais implicadas. “Así mesmo trasladouse por escrito á Fegamp a proposta de resolución antes de aprobala en Portos de Galicia sen terse recibido obxeccións algunha ao respecto”, indicou Durán Hermida.
Modificacións excepcionaisFinalmente, José Juan Durán explicou tamén que “como coa entrada en vigor de calquera normativa, a experiencia dos primeiros meses de aplicación desta resolución poderá dar lugar a axustes xustificados por casuísticas excepcionais”. Neste sentido, indicou que o ente público portuario está aberto a posibles matizacións nos contidos da resolución con carácter excepcional para os casos en que quede evidenciada a súa necesidade e sempre e cando se cumpran os requisitos ineludibles de garantías de seguridade e respecto á actividade portuaria.
- Te recomendamos -