Inicio Galicia A Agadic adxudica 650.000 euros en axudas á produción de 30 novos...

A Agadic adxudica 650.000 euros en axudas á produción de 30 novos espectáculos de teatro, danza e novo circo

0

Publica no seu web a resolución destas subvencións, que se distribúen entre nove montaxes de compañías de recente creación, 13 de pequeno formato, seis de formato medio e dous de gran formato

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2018.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar no seu web a adxudicación de 650.000 euros en axudas para 30 novos espectáculos de teatro, danza e novo circo a cargo de compañías profesionais galegas. Queda resolta, así, a convocatoria de subvencións da Xunta á produción escénica para 2018, que rexistrou un aumento na súa dotación do 7,6 por cento respecto ao ano pasado.

As propostas beneficiarias son, en concreto, nove montaxes de empresas de recente creación, outras 13 de pequeno formato, seis de formato medio e dúas de gran formato, todas elas con data de estrea entre o pasado 1 de abril e o 31 de marzo de 2019.

O obxectivo desta liña de subvencións, á que este ano optaron 54 proxectos, é favorecer a estrea de novas producións galegas cara á súa progresiva incorporación á oferta das próximas temporadas escénicas, tanto dentro como fóra de Galicia. Esta achega económica insírese, ademais, no programa anual de axudas da Agadic ao conxunto das industrias culturais galegas que, no caso do sector escénico, se completa coas convocatorias destinadas a distribución e promoción exterior, a salas privadas e a festivais.

Novidades en danzaAdemais do seu incremento orzamentario, a convocatoria que se acaba de resolver introduciu como novidade un mecanismo de discriminación positiva para garantir o apoio á produción dun mínimo de dous espectáculos de danza. Así, os proxectos coreográficos que recibirán subvención son Alma (9.985 euros), coprodución de Traspediante e Duelirium, e A gala (7.703 euros), de Licenciada Sotelo.

O primeiro deles resultou beneficiario na modalidade dirixida a compañías de nova creación, que sitúa o límite de antigüidade das empresas solicitantes en cinco anos. Xunto con Alma, tamén son adxudicatarias nesta categoría seis propostas de teatro infantil (A nena e o grilo máis alá, de Magín Blanco, con 15.932 euros; Nómades, de Xarope Tulú, con 15.378 euros; Cantamos?, de Luis Vallecillo González, con 14.972 euros; A toupiña, de A Xanela do Maxín, con 13.756 euros; Mar adiante, de Odaiko, con 12.975 euros, e Teatro á feira, de A Cova das Letras, con 7345 euros) e dous espectáculos teatrais para público adulto (Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, de Matrioshka Teatro, con 12.757 euros, e Camaré, de Antón Coucheiro, con 4973 euros).

De pequeno a gran formatoEn canto á modalidade de pequeno formato, dirixida a producións de ata tres intérpretes, cofinanciaranse –xunto con A gala– sete proxectos teatrais para público adulto (Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, con 20.576 euros; Dúas donas que bailan, de Teatro do Atlántico, con 19.606 euros; Nós (Historia de Galicia), de Malasombra, con outros 19.606 euros; Los limones, la nieve y todo lo demás, de Matarile Teatro, con 19.282 euros; A primeira vez, de Talía Teatro, con 16.535 euros; Arar, de Teatro Ensalle, con 16.083 euros, e Anatomía dunha serea, de Grupo Chévere, con 10.374 euros), así como cinco de teatro infantil (Caracol caracoleiro, de Baobab Teatro, con 21.249 euros; Auga que non vas beber, de Fantoches Baj, con 19.336 euros; Cronopios, de Títeres Cachirulo, con 17.904 euros; Contos do recreo, de Redrum Producións, con 17.776 euros, e Contos ao pé da cama, de Viravolta Títeres, con 14.436 euros).

En mediano formato, para montaxes de entre catro e sete intérpretes, os títulos subvencionados son un de novo circo (Mezzo, de Pistacatro Produtora de Soños, con 38.444 euros) e os cinco restantes, de teatro para público adulto: Commedia, un xogete para Goldoni, de Contraproducións, con 42.498 euros; Celebración, de Sarabela Teatro, con 40.825 euros; Viñémolo dar todo, de Voadora, con 37.665; Carpe Diem, de Producións Teatráis Excéntricas, con 36.680 euros, e A leituga, de Eme2, con 27.092 euros.

Por último, Teatro do Noroeste con Da avaricia, a luxuria e a morte (50.643 euros) e Os Monicreques de Kukas co espectáculo para público familiar Arquelina e Marchelino (47.598 euros) son as companías subvencionadas dentro da categoría de proxectos de gran formato, con máis de sete intérpretes en escena.


- Te recomendamos -