Inicio Galicia A Xunta destaca o papel do sector TIC na transformación dixital e...

A Xunta destaca o papel do sector TIC na transformación dixital e na consolidación da industria 4.0 no tecido empresarial galego

0

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou na clausura do foro GaliciaTIC o labor fundamental que debe desempeñar o sector como facilitador da dixitalización das pemes no seu avance cara a Industria 4.0

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na clausura de GaliciaTIC 2018 que as empresas galegas do sector das tecnoloxías da información e a comunicación están chamadas a desenvolver un papel fundamental na dixitalización do tecido industrial galego e, en xeral, na incorporación das tecnoloxías 4.0 polo resto das empresas. No foro, que chega á súa edición número 16, participaron máis de 200 empresas e profesionais.

Cividanes destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a impulsar, a través do Igape, obradoiros para xerar ideas ou proxectos de dixitalización e axudas para que as pemes galegas poidan investir neste ámbito, no marco dun programa activado por vez primeira este ano. O próximo 1 de xuño abrirase a nova convocatoria de axudas á dixitalización, logo de que se presentasen máis dun cento de proxectos á primeira edición.

Tamén ao abeiro da Axenda Industria 4.0, no segundo semestre deste ano a Xunta prevé continuar co seu pulo á modernización do tecido produtivo, tanto coa activación da terceira convocatoria para proxectos piloto e investimentos 4.0 dotada con máis de 4M€, como a través do programa de formación 4.0, que beneficiará a preto de 800 técnicos ou cadros intermedios vinculados ás Pemes galegas.

O director do Igape salientou ademais a relevancia da colaboración entre empresas como unha das ferramentas para enfrontar o reto da dixitalización das pemes e para aproveitar as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías emerxentes. Neste sentido, lembrou o esforzo que a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), organizadora do encontro GaliciaTIC, realiza para promover a incorporación de ferramentas 4.0. entre o tecido industrial.

Lembrou tamén que aplicación de tecnoloxías emerxentes mellora a competitividade das empresas grazas á optimización da produción, a xeración de novos produtos, servizos e modelos de negocio, e os avances na cualificación das persoas e equipos de traballo. Tal e como revela o estudo “Oportunidades Industria 4.0 en Galicia”, publicado recentemente e elaborado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), as pemes galegas consideran relevante a achega potencial das tecnoloxías 4.0 para o incremento da súa capacidade competitiva.


- Te recomendamos -