Inicio Galicia Conde refírese ao polo aeronáutico de Rozas, as universidades e as empresas...

Conde refírese ao polo aeronáutico de Rozas, as universidades e as empresas e centros tecnolóxicos como factores clave para o crecemento dun sector que en 2017 facturou 127 millóns

0

Resalta a oferta formativa específica que ofrece a Comunidade e sinala que destes centros sairán as novas xeracións de traballadores especializados nesta industria

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, referiuse hoxe ao polo aeronáutico de Rozas, ás tres universidades galegas e ás empresas e centros tecnolóxicos, como ao Centro de innovación aeroespacial de Galicia (Cinae), como factores clave para o crecemento dun sector que en 2017 acadou unha facturación que chegou aos 127 millóns de euros e deu traballo a 1200 persoas, un 9% máis que o ano anterior.

Durante a inauguración do II Congreso Internacional de Drons de Galicia DIC Galicia, Conde aseverou que esta industria está a consolidar o seu peso na economía galega, conxugando dous piares fundamentais: innovación e formación.

Sobre este último punto, o conselleiro subliñou que é precisamente en Ourense onde se desenvolve a vertente académica e formativa do sector aeroespacial galego, coa Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, na que se imparte o Grao de Enxeñaría Aeroespacial. E a partir do vindeiro curso se vai ofertar o Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, no que colaboran a UVigo e a USC. Unha oferta formativa que se completa co Ciclo Superior de Mantemento Aeronáutico que imparte o Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes de Lugo.“Destes centros sairán as novas xeracións de enxeñeiros e técnicos especializados neste sector. Unha xeración de profesionais cualificados que son os que van facer posible que o sector aeroespacial en Galicia poida despregar todo o seu potencial e marcar fitos tan importantes como os que xa se están a poñer en marcha no polo tecnolóxico de Rozas”, destacou. Ao respecto, recordou que, neste momento, son 20 os proxectos de I+D os que se están a executar en Rozas, con 200 persoas empregadas e coa previsión de superar as 440 en 2020.

Estes proxectos corren a cargo de Indra e Babcock, os socios industriais da Xunta, cos que se puxo en marcha este polo tecnolóxico que mobilizará 150 millóns de investimento público-privado e que ten permitido que unha vintena de empresas e centros tecnolóxicos galegos traballen en novos proxectos por valor de 13 millóns.

Ao longo da súa intervención, Conde subliñou que, neste momento, Rozas é a denominación de orixe de iniciativas tan novas como o primeiro dron mariño que deseñou a Universidade de Vigo e Indra; as 3 aeronaves non tripuladas que xa fan ensaios de voo; o dispositivo creado pola startup viguesa Centum para a localización de persoas desaparecidas, que agora se vai adaptar para ser usado en dúas destas aeronaves; ou o primeiro banco de ensaio de motores no que participa o CTAG.

Así mesmo, aseverou que son 10 as licitacións publicadas que xa van camiño de ser adxudicadas, con propostas para aplicar o uso de drons na xestión forestal e do territorio, a seguridade da flota pesqueira ou a vixilancia do patrimonio cultural, e ás que se sumará unha nova na que se está a traballar para a atención cardiovascular de peregrinos no Camiño de Santiago.

O conselleiro concluíu lembrando que para apoiar o nacemento de novas startups no sector aeroespacial se presentará proximamente unha nova aceleradora, que terá a súa sede nas instalacións do antigo hospital de Lugo, onde se situará tamén un centro de emprendemento específico para este sector.


- Te recomendamos -