A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio sinala que este é o principal obxectivo da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que se presentará este mesmo ano
A Xunta de Galicia fíxase o reto de facer que Galicia sexa unha rexión climaticamente neutra, para o que é preciso seguir reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e ao mesmo tempo facer unha xestión sostible dos usos do solo, de xeito que se aumente a súa capacidade de absorción. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, inaugurou esta mañá unha xornada sobre as mesas de traballo para a elaboración da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, onde indicou que este é o principal obxectivo desta estratexia, que se presentará este mesmo ano.
A conselleira agradeceu aos asistentes a súa participación nesta xornada, pero sobre todo o seu traballo nas seis mesas que se organizaron para a redacción do borrador da Estratexia, na que todos conclúen que Galicia ten que ser no ano 2050 unha rexión baixa en emisións e resilente aos efectos do cambio climático.
Indicou que hai que seguir ampliando o coñecemento mediante a observación sistemática dos efectos do cambio climático para poder anticiparse e protexernos dos mesmos; así como apoiarse para a posta en marcha de accións na comunidade investigadora, como xeradora de solucións, e na sociedade en xeral, como motor de transformación.
A conselleira reiterou que a previsión da Xunta é presentar esta estratexia este mesmo ano, pero aínda hai traballo que facer; como revisar as achegas que formarán parte do borrador da mesma con todas as consellerías implicadas nas medidas que se propoñen. Unha vez finalizada dita fase abrirase un período de participación pública para que os distintos actores sociais (universidades, sectores empresariais, organizacións ecoloxistas, administracións locais…) coñezan o documento, antes da súa aprobación.
Beatriz Mato explicou que a través da Estratexia a Comunidade galega quere dar mostras do seu compromiso, porque pretende facer da mesma unha ferramenta para enfrontarnos aos efectos do cambio climático, no medio e longo prazo, e para avanzar cara a unha rexión competitiva, sustentable e de baixas emisións de carbono; e da ambición contra o cambio climático, porque os obxectivos da estratexia seguen a liña do Acordo de París e das metas definidas no marco comunitario de enerxía e clima para 2030.
Nese sentido, unha meta a longo prazo é acadar un equilibrio entre as emisións e as absorcións de gases efecto invernadoiro, un reto no que se empezan a ver os primeiros froitos tendo en conta que Galicia é a terceira comunidade española que máis reduciu as súas emisións respecto de 1990, tal e como indican os últimos datos publicados polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, correspondentes ao ano 2016.
Acadar o obxectivoA conselleira de Medio Ambiente explicou que Galicia pretende acadar o obxectivo de neutralidade climática a través de reducións e absorcións dentro dos seus límites xeográficos, sen recorrer a compensacións. Para iso, deberán reducirse as emisións de gases efecto invernadoiro (GEI) de Galicia, a través de liñas de accións como a xeración de menos residuos, implantar a cultura de eficiencia enerxética na sociedade, transitar cara un modelo enerxético baixo en emisións ou aumentar as alternativas dispoñibles a prol da mobilidade sostible.
Outra das ferramentas para que Galicia acade este obxectivo de neutralidade, co que Galicia se equipara a Suecia, Francia, Noruega, Nova Zelanda ou Costa Rica, é a xestión sostible dos usos do solo e aumentar a súa capacidade de absorción de CO2.
Nese sentido, indicou que é necesario cuantificar as emisións e absorcións asociadas aos usos do solo, potenciar a capacidade de absorción no sector forestal e desenvolver proxectos como Infraestruturas Verdes, que son provedoras dos servizos ambientais e de protección da biodiversidade.
- Te recomendamos -