Inicio Galicia A Xunta reparte 10.000 trípticos con recomendacións para previr os riscos laborais...

A Xunta reparte 10.000 trípticos con recomendacións para previr os riscos laborais en carnicerías, chacinerías e peixerías

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Praza de Abastos de Portonovo na campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Praza de Abastos de Portonovo nunha campaña que está levando a cabo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), para a prevención de riscos laborais en carnicerías, chacinerías e peixerías. En total, estanse a repartir 10.000 trípticos e 2000 carteis para concienciar aos traballadores e traballadoras da importancia da prevención de riscos laborais e, polo tanto, da implantación de boas prácticas relacionadas coa saúde o benestar no eido laboral.

A iniciativa do ISSGA centrada en neste tipo de establecementos incide nas principais recomendacións para contar cun espazo de traballo óptimo e consellos para un correcto uso das máquinas e utensilios de corte. Así mesmo, nos trípticos recóllese información sobre as posturas de traballo axeitadas, como debe ser o acceso ás cámaras frigoríficas e os equipos de protección individual a usar. Ademais, faise unha exposición dos riscos laborais e enfermidades profesionais nestas actividades e se lembran as medidas sanitarias para a manipulación de alimentos.

Esta campaña forma parte do Plan de Actividades do ISSGA para este ano, que inclúe un total de 74 actuacións divididas en 7 eixos e conta cunha oferta formativa en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas.

Esta folla de ruta está consensuada cos interlocutores sociais e responde aos obxectivos da Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 que está desenvolvendo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA.

Os retos máis destacados son mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes; fomentar programas en sectores de alta sinistralidade; e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega.

Con esta actuación, a Xunta está prestando especial atención aos sectores económicos con maiores índices de sinistralidade como é o pequeno comercio de alimentación, ademais do forestal, o pesqueiro, o naval, a construción ou as actividades relacionadas con augas mineiras e termais.

A través desta iniciativa estanse levando a cabo tamén actuacións de promoción de prevención de riscos laborais en sectores con alta presenza de mulleres para contribuír á integración da igualdade na xestión nos centros de traballo e campañas dirixidas aos traballadores tras unha baixa de longa duración por accidente ou enfermidade, entre outros.

Sobre a oferta formativa para 2018, o Plan inclúe importantes novidades para dar resposta a cambios normativos e técnicos para clarificar e facilitar o cumprimento e adaptación ás novas obrigas en prevención de riscos laborais.

A campaña Quere o teu mercadoNa Praza de Abastos de Portonovo, na que se desenvolveu hoxe a iniciativa do ISSGA, tamén estase a levar a cabo a campaña Quere o teu mercado, que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, e en colaboración coa Federación Galega de Comercio.

Esta actuación trata de incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras. A campaña de promoción dos mercados locais e prazas de abastos é de carácter internacional. Deste xeito, baixo o lema Preto do teu corazón, estase a realizar ata o próximo domingo 27 de maio unha serie de eventos nos mercados dos países e cidades participantes para intentar atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade.

Do que se trata é de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios.

En total 3000 praceiros e praceiras están organizando todo tipo de eventos para poñer en valor os produtos de calidade dos seus mercados como degustacións gastronómicas, showcookings ou obradoiros de cociña, concursos de tapas e exhibicións de pratos elaborados con produtos do mercado. Así, e en colaboración coas asociacións e federacións de praceiros e praceiras, celebrarase este sábado o Día do mercado.


- Te recomendamos -