Inicio Galicia A Xunta aborda os retos de futuro das prazas de abastos con...

A Xunta aborda os retos de futuro das prazas de abastos con responsables e profesionais dos mercados galegos

0

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, participa hoxe nun encontro en Santiago no que traballadores, xerentes e representantes municipais poñen en común as súas experiencias para potenciar a excelencia e atraer nova clientela

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Santiago na apertura da xornada “Mercados de Galicia: Retos de futuro”, un encontro impulsado pola Xunta no que profesionais e responsables das prazas galegas poñen en común as súas experiencias para potenciar a excelencia e a calidade e atraer nova clientela, dando resposta ás novas demandas dos consumidores.

O encontro enmárcase na campaña internacional Quere o teu mercado, que en Galicia promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Federación Galega de Comercio. Este ano súmanse á iniciativa un total de 86 prazas e mercados galegos e 3.000 praceiras e praceiros. Baixo o lema Preto do teu corazón, realizaranse ata o próximo 27 de maio unha serie de eventos nos mercados para intentar atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade. En colaboración coas asociacións e federacións de praceiros e praceiras, celebrarase, ademais, o Día do mercado, que, a proposta dos propios praceiros e praceiras, terá lugar o sábado 26 de maio.

Na xornada organizada hoxe celebrouse unha mesa redonda sobre novas tendencias nos mercados urbanos, coa participación de representantes do mercado da Boquería (Barcelona), La Lonja del Barranco (Sevilla); e do Mercado Puerta Cinegia de Zaragoza; así como da plataforma Dreaming Markets.

Tamén se debateu sobre o presente e o futuro dos mercados galegos, coa participación de Javier Paz, presidente de Fepragal; Alberto González,xerente do Mercado de Abastos de Ourense, e Delmiro Hermida, xerente do Mercado das Travesas de Vigo. O encontro tamén inclúe unha visita á praza de abastos de Santiago, e un showcooking con produtos galegos de calidade. 


- Te recomendamos -