Vázquez Mourelle sinala que a implantación o pasado mes de agosto do Plan de Transporte Público de Galicia favorece que os nenos e nenas matriculados no centro poidan dispor dun novo horario lectivo que favoreza a conciliación
A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe ao CEIP plurilingüe Ben-Cho-Shey, no Pereiro de Aguiar, que o vindeiro curso será posible atender a demanda de cambio de horario escolar habilitando 5 novos autobuses cos seus respectivos acompañantes.
Así o anunciou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na xuntanza que mantivo xunto á delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, coa Dirección e a Asociación de Nais e Pais (ANPA) no centro escolar.
Ethel Vázquez trasladoulle aos representantes do colexio e da ANPA que a implantación o pasado mes de agosto do Plan de Transporte Público de Galicia fixo posible estudar a súa solicitude de racionalización do actual horario escolar, co fin de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.
Comunicoulles que a Xunta vén de informar favorablemente estes cambios, atopándose ambas consellerías en disposición de comezar a tramitación da proposta que, agora, debe ser validada pola comunidade educativa. Deste xeito, engadiu, unha vez sexa referendada, no vindeiro curso escolar 2018/2019 os nenos e nenas matriculados no colexio poderán dispor dun novo horario lectivo.
Destacou a conselleira que para ofrecer o mellor servizo, precisase incorporar 5 autobuses máis, cunha achega da Xunta de ata 92.000€ anuais, que supoñen un esforzo compartido das consellerías de Infraestruturas e Vivenda e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A conselleira explicou, ademais, que dende a Xunta se traballa dun xeito coordinado para atender o interese público dun centro escolar do rural a través dun plan que busca, tamén e de xeito especial, incrementar a calidade do servizo e ofrecer a máxima cobertura territorial á dispersión xeográfica do medio rural.1ª fase do Plan de Transporte Público de Galicia Neste senso, destacou que non só se quere garantir a continuidade dos servizos, senón que busca incrementalos e reforzalos, como se está a facer neste centro escolar de Pereiro de Aguiar e como sucedeu tamén na provincia de Ourense, coa posta en marcha da 1ª fase do Plan de Transporte Público de Galicia.
Tal e como subliñou, este Plan permitiu xa ampliar a cobertura territorial e os servizos de transporte de Ourense grazas ás novas modalidades, como o transporte compartido, con 262 liñas integradas –a metade de Galicia- que foron empregadas xa por máis de 40.000 usuarios xerais, ademais dos escolares. Isto supuxo, engadiu, que, concellos coma Carballeda de Valdeorras ou A Mezquita, polos que antes non pasaba ningunha liña de transporte regular, agora si dispoñan de dito servizo.
Vázquez Mourelle tamén referiuse ao transporte a demanda, onde case o 50% das chamadas feitas á Central de Reservas proceden de viaxeiros da provincia de Ourense.
Plan de Transporte Público de Galicia A Conselleira tamén aproveitou esta xuntanza para informar de como a Xunta seguirá a traballar nas melloras do transporte público nesta área de cara a 2019, data de caducidade das actuais concesións de transporte por estrada. Así, lembroulles que neste intre atópase a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia para acadar un servizo máis moderno e acorde ás necesidades reais dos galegos.
Con este trámite de información pública ábrese o primeiro dos dous procesos de participación pública nos que calquera administración, colectivo ou particular poderán facer as súas achegas.
E rematou lembrando que co traballo conxunto, colaboración e achegas construtivas se poderá planificar un sistema de transporte que suporá melloras substanciais no servizo, maior cobertura territorial e un transporte máis adaptado ás necesidades dos veciños.
- Te recomendamos -