A directora de Turismo, a comisaria do Xacobeo 2021 e o xerente do Xacobeo recibiron a un grupo de deputados da prefectura de Ehime, pola que pasa esta ruta
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe a unha delegación de deputados da prefectura de Ehime que é, xunto con Kagawa, Tokushima e Kochi, unha das catro rexións polas que discorre o Camiño de Shikoku. Trátase dun territorio co que a Comunidade galega mantén unha alianza de colaboración que está a favorecer o intercambio cultural entre ambos países.
Nava Castro participou neste encontro xunto á comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e ao director xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, que puideron intercambiar opinións coa delegación de deputados xaponeses ao redor da situación tanto do Camiño de Santiago como desta ruta de peregrinación asiática que traballa para obter a declaración de Patrimonio Mundial da Unesco, fito que o Camiño Francés acadou en 1993. Dada a experiencia da Xunta neste eido, o país nipón está a tomar como exemplo o seu traballo.
Durante a xuntanza puxéronse de manifesto os vínculos cada vez máis estreitos que unen ambos territorios, tras a rúbrica da alianza de cooperación entre ambos itinerarios. No marco deste acordo, Galicia vén colaborando co Camiño Shikoku no seu labor por obter o recoñecemento da Unesco. O ano pasado o Museo das Peregrinacións e de Santiago acolleu con éxito de visitantes a exposición O Camiño de Shikoku, que afondou na historia e na espiritualidade desta ruta xaponesa asociada a 88 templos.
Patrimonio MundialAdemais, tamén o ano pasado unha delegación do Consello de Inscrición do Patrimonio Mundial do Camiño Shikoku estivo en Galicia, percorreu un tramo do Camiño de Santiago e visitou un dos albergues da Rede Pública de Albergues do Xacobeo.
Cada vez son máis os peregrinos xaponeses que rematan a ruta xacobea, chegando a multiplicarse por catro o número dos que recolleron a Compostela na última década. En 2007 a cifra de xaponeses que percorría o Camiño de Santiago era lixeiramente superior aos 300, e o ano pasado roldou os 1.500.
- Te recomendamos -