O director de Augas de Galicia recorda que paralelamente se traballa no estudo de alternativas para a definición das restantes instalación, previsiblemente en terreos colindantes á actual EDAR (segunda fase), que completarán os distintos tratamentos e o aumento da capacidade
O director de Auga de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, reiterou unha vez máis que o departamento que dirixe mantén a previsión de licitar as obras de mellor da actual Edar de Praceres este mesmo ano. Así o confirmou aos participantes na reunión da Mesa de seguimento dos avances no saneamento da ría de Pontevedra, aos que aclarou que é necesario dispoñer da concesión que regularice os terreos da EDAR existente e Costa autorice as obras.
Tal e como explicou o director de Augas, cando se rematen as dúas fases, a ría contará cunha nova infraestrutura, moderna e adaptada aos altos requisitos esixidos para os vertidos en zonas sensibles, que duplicará en tamaño á actual EDAR e terá capacidade para satisfacer a demanda da poboación calculada para os próximos 25 anos. Rodríguez Martínez recordou que durante as obras, en todo momento se manterá activo o servizo de depuración que irá mellorando segundo se vaian completando as distintas fases da obra. Nunha primeira fase se executarán as actuacións de modificación e mellora das actuais instalacións prevíndose ao seu termo unha mellora importante da calidade da auga depurada da EDAR.
Nunha segunda fase, executaranse o resto de instalacións previsiblemente nos terreos colindantes á actual EDAR, o que permitirán completar os distintos tratamentos e o aumento da capacidade da planta. Augas de Galicia xa está a traballar no proxecto desta segunda fase, cuxas obras deben contar tamén coa preceptiva ampliación da concesión de costas para a ocupación dos novos terreos anexos necesarios.
Asemade, o director de Augas de Galicia informou da situación e dos trámites relacionados co novo emisario submarino. Avanzou que xa se ten preparado o anteproxecto de obra que terá unha lonxitude de 3,6 km e unha capacidade para evacuar ata 2 m3/s de augas depuradas. Segundo as previsións que manexa Augas de Galicia, o orzamento de licitación ascende aos 10,2 millón de euros. Indicou que na actualidade, tamén se están a realizar estudos xeolóxicos para contemplar a posibilidade de introducir novas consideracións trasladadas polas confrarías de mariscadores, respecto aos métodos de execución dos distintos tramos de trazado previstos no anteproxecto.
- Te recomendamos -